Besteiro acode ao Parlamento con "vocación de goberno" e ofrece cinco acordos á Xunta
Besteiro acode ao Parlamento con "vocación de goberno" e ofrece cinco acordos á Xunta
O voceiro socialista anuncia “unha oposición firme, construtiva e responsable”, aínda cunha posición “minoritaria”
Besteiro pediulle a Rueda explicacións no tema de Altri porque non basta, dixo, con limitarse a dicir que 'irá adiante se cumpre a lexislación'
O portavoz do grupo socialista, José Ramón Gómez Besteiro, estreouse no Parlamento galego este xoves cun discurso en que se esforzou por evidenciar “a vocación do goberno” do PSdeG, polo que ofreceu cinco grandes acordos á próxima Xunta de Galicia.
Na súa réplica ao presidente en funcións da Xunta, Alfonso Rueda, na segunda sesión do debate de investidura, o socialista reiterou que a súa intención é dedicar os próximos catro anos a exercer “unha oposición firme, construtiva e responsable” para, aínda cunha posición “minoritaria” con só 9 deputados (de 75), facer fronte a unha xestión do PPdeG, que demostrou ser “conformista e acomodado”.
Besteiro iniciou a súa intervención ratificando o voto en contra do PSdeG a unha Xunta do PPdeG pois os socialistas discrepan de “as súas políticas e da previsión das que fará” que non fan aventurar, ao seu xuízo, nin cambios nin melloras para os galegos.
Asemade, aclarou que o voto negativo dos socialistas á investidura non cuestiona a lexitimidade de Rueda como presidente e ofrécelle ser "aliados" a prol dunha sociedade mellor.
Pactos para “materializar avances necesarios e paliar déficits fundamentais”
O próximo socialista, que durante os seus 35 minutos de intervención mantivo un ton tranquilo e sosegado, dirixiuse en varias ocasións ao presidente galego para facerlle ofrecementos en diversas materias co obxectivo de “materializar avances necesarios e paliar déficits fundamentais”.
En primeiro lugar e como unha das prioridades do PSdeG para mellorar as condicións de vida dos galegos, Besteiro reclamou “un plan de vivenda” con máis vivenda pública, con máis rehabilitación, maiores axudas para o alugueiro ou control sobre as vivendas turísticas.
En segundo lugar, propuxo un plan extraordinario de contratación de profesionais sanitarios co que blindar a sanidade pública. "Un acordo de país", afirmou.
Como terceiro punto, Besteiro incidiu na necesidade de que Galicia conte cun “ecosistema económico” conformado por mellores políticas enerxéticas, unha maior ambición respecto ás enerxías renovables e un reforzo aos apoios para as pequenas e medianas empresas da comunidade.
Nesta materia, Besteiro pediu unha estratexia clara para que “un instrumento de poder ao servizo duns poucos” non sirva finalmente para “manter redes clientelares”.
O PSdeG propuxo como cuarta cuestión un acordo en defensa do idioma galego para “compensar todo o dano” que o PPdeG lle fixo ao galego durante os últimos 15 anos que leva gobernando Galicia.
Como última proposta, Besteiro pediu impulsar un grande acordo local para acabar cos problemas de infrafinanciamento e competencias impropias.
"Entre Galicia e o Partido Socialista, non dubidaremos en elixir Galicia, e os intereses dos galegos [...] pídolle a vostede o mesmo"
Besteiro asegurou que fixo todas estas propostas pensando no ben de Galicia que é a súa máxima prioridade e, por iso, mesmo ofreceu a súa man á Xunta para defender a comunidade perante calquera desafío para o que, se é necesario, desde o PSdeG “discreparemos co goberno” cando corresponda.
“Entre Galicia e o Partido Socialista, non dubidaremos en elixir Galicia, e os intereses dos galegos. Ten vostede o meu compromiso persoal, pero pídolle o mesmo [...]. Ata agora, na miña opinión, non o fixo así", concluíu Besteiro, quen presumiu de actuar “con altura de miras” para favorecer o progreso e o futuro de Galicia.
'Non faga oposición á oposición porque é un mal camiño, señor Rueda'
Na sesión da tarde, Xosé Ramón Besteiro do PSdeG lémbralle a Rueda 'que non viñen arrrastro, viñen por vontade propia e cun compromiso de servir ao país. Eu asumín o resultado, non o discutín, e nese plano estaremos nestes catro anos, cunha vontade e unha vocación de ser goberno, porque construimos país e porque o podemos facer desdes a oposición se se nos deixa'.
Besteiro asegura que para lograr isto, a responsabilidade será do presidente da Xunta porque é quen debe 'unir nos temas que son retos de país, e non facer oposición á oposición porque é un mal camiño'.
Besteiro sobre o proxecto Altri: 'vai aportar a Xunta fondos? é o momento de dar explicacións'
Durante a súa intervención, Besteiro preguntoulle a Alfonso Rueda polo proxecto de Altri: 'hai que explicar o proxecto medioambiental, se fai afectar a explotación e á programación do noso hábitat forestal. Alguén nos vai explicar se a Xunta vai aportar fondos extraordinarios ou non?'
Lembrou tamén a reunión que mantiveron cando Besteiro era o Delegado do Goberno: 'naquela rolda de prensa vostede díxolle aos xornalistas que a empresa xa sabía o que a Xunta ía facer. Pero desde entón só temos silencios, e este é o momento das explicacións e non liquidar o asunto dicindo que se se cumpre a lexislación medioambiental será si, e se non será non.
Rueda lamentou que Besteiro renuncie a esixir a gratuidade da AP-9 e se limite a pedir o traspaso e convídao a ir con el a Madrid a reclamarllo a Pedro Sánchez, convite que aceptou o socialista.
"Eu vouno apoiar na transferencia da AP-9 para Galicia, pero mentres tanto, vostede como presidente da Xunta é o que ten a responsabilidade de negociar esa cuestión co Estado, pero eu vouno apoiar, como fixo sempre o PSdeG nesta cámara. O que non pretenderá é que faga eu de presidente da Xunta verdade? porque a min non me elixiron os galegos" argumentou Besteiro.