Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PSOE fixa o 29 de outubro as primarias para elixir candidato á Xunta

O PSOE fixa o 29 de outubro as primarias para elixir candidato á Xunta

Acompañado pola dirección do grupo parlamentario e minutos antes do inicio do debate de Política Xeral, Besteiro ratificou que Ferraz deu luz verde á reactivación das primarias en Galicia e que "con grande orgullo" confirmou a súa candidatura

Gonzalo Caballero ponse á disposición do partido para presentar a súa candidatura

Formoso non concorrerá ás primarias e promete neutralidade cos candidato

G24.gal 09/10/2023 10:27 Última actualización 09/10/2023 16:35

A Executiva Federal do PSOE fixou o domingo 29 de outubro para celebrar primarias para elixir o candidato socialista á presidencia da Xunta, un proceso no que confirmaron a súa participación o deputado e exdelegado do Goberno en Galicia José Ramón Gómez Besteiro e o exsecretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. 

Fontes socialsitas confirmaron a data para as primarias, que foran convocadas para o 17 de setembro pero foron aprazadas á espera de novidades sobre o proceso de investidura e a formación de Goberno.

Besteiro, que está a adquirir un papel relevante nesta lexislatura, forma parte da comisión de sete persoas designada polo PSOE para negociar a investidura de Pedro Sánchez cos grupos parlamentarios.

Besteiro anunciou este luns de forma oficial que concorrerá ás primarias para ser o próximo candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia.

Minutos antes de que dese comezo no Parlamento galego o Debate do Estado da Autonomía, Besteiro compareceu ante os medios de comunicación nos corredores da cámara para facer oficial esta decisión, despois de que a Executiva Federal socialista ratificara a convocatoria de primarias.

O socialista dixo que asume esta decisión "con grande orgullo" e "satisfacción", e avanzou que proximamente escenificará "o proxecto de Partido Socialista" que propón, tanto para "satisfacer" os militantes como para enviar "unha mensaxe" a Galicia sobre "a posibilidade de cambio".

Ao preguntarlle pola posibilidade de que teña algún rival, Besteiro sinalou que o PSOE é un “partido pioneiro no proceso de primarias”, polo que viven este proceso con “normalidade e naturalidade” para que os militantes poidan “decidir e elixir”. Hai que lembrar que Gonzalo Caballero amosou a súa disposición a participar no proceso, aínda que non fixo aínda a confirmación oficial. 

Por último, o deputado do PSOE no Congreso fixo referencia ao debate do estado da autonomía en Galicia e confiou en que “sexa o primeiro e o último” do actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

Gonzalo Caballero tamén se postula

O deputado galego e exlíder do PSdeG, Gonzalo Caballero, confirmou este luns que está “a disposición” do partido para ser o candidato á presidencia da Xunta de Galicia.

“Estou ao disposición do partido para, se considera que son o mellor candidato posible e a militancia así o decide, encabezar unha candidatura e levar ao PSdeG ao mellor resultado electoral que permita que Rueda deixe de ser presidente da Xunta de Galicia”, dixo en declaracións á prensa nos corredores do Parlamento.

“A min gústame suar a camiseta, teño ilusión, teño ganas e estou ao disposición do meu partido para facer aquilo que sexa o mellor para Galicia”, reiterou o deputado socialista.

Con todo, o deputado dixo que aínda están “pendentes” de que Ferraz confirme o calendario para as eleccións primarias. Xa anunciaron que serán o 29, aínda que Caballero, polo momento, descoñece a data debido a que “ata esta fin de semana non tiña ningunha información sobre un novo calendario”.

En todo caso, adaptarase ao “novo escenario” que decidan desde a dirección a pesar de que, en principio, as primarias quedaran aprazadas ata que se solucionase a gobernabilidade a nivel estatal.

Gonzalo Caballero non se pronunciou sobre o anuncio realizado polo deputado no Congreso e tamén exsecretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro sobre a súa intención de presentarse a estas primarias e limitouse a sinalar que entende que “cada un xogue en todos os papeis”.

Insistiu en que “todos traballaremos por conseguir o mellor resultado nas autonómicas” e “temos que ver como encaixamos todas as pezas para conseguir chegar a Galicia cun proxecto forte”. 

Formoso non concorrerá ás primarias e promete neutralidade cos candidatos

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, confirmou este luns que non se presentará ás primarias para ser o candidato socialista á presidencia da Xunta pero comprometeu a “neutralidade” da dirección galega no proceso.

En declaracións á prensa antes de asistir ao discurso do PSdeG no debate de investidura, Formoso celebrou que este proceso se reactive e xustificou esta decisión nun posible adianto electoral en Galicia.

Deste xeito, o líder do PSdeG restou importancia ao feito de que Ferraz paralizase as primarias previstas para o 17 de setembro e agora as volva convocar a pesar de que aínda non estea solucionada a gobernabilidade do Estado.

“Para nós o relevante é que solicitaramos a celebración de primarias hai un tempo” e que “agora temos por fin a autorización” para levalas a cabo a finais deste mes de outubro.

O líder do PSdeG considerou que urxía volver retomar o proceso de primarias internas ante os “simulacros e pseudoanuncios” do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre un posible adianto electoral e que levaría a que as eleccións galegas se celebren antes do mes de xuño.

Formoso asegurou que a dirección do partido manterá unha postura de “neutralidade” no proceso, a pesar de que el fixo estas declaracións acompañado por un dos candidatos xa confirmados e dirixente afín, Gómez Besteiro.

Negou que o feito de que estea acompañado polo actual deputado no Congreso signifique un apoio no proceso de primarias, xa que tamén estaba acompañado por José Tomé (presidente da Deputación de Lugo), Lara Méndez (alcaldesa de Lugo) ou Bernardo Fernández (presidente do PSOE da Coruña).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade