Besteiro confirma a súa disposición a ser o candidato do PSdeG á Xunta
Besteiro confirma a súa disposición a ser o candidato do PSdeG á Xunta
Nunha entrevista na Cadena Ser Galicia asegurou "con toda rotundidade" que o seu compromiso co partido "é indiscutible"
Non pechou a porta a que se poidan evitar as primarias se hai unanimidade arredor da súa figura
O deputado socialista no Congreso e exdelegado do Goberno en Galicia José Ramón Gómez Besteiro confirmou a súa disposición para presentarse ás eleccións primarias no PSdeG para elixir o candidato socialista á Xunta nas próximas eleccións autonómicas.
Nunha entrevista na Cadena Ser Galicia, asegurou "con toda rotundidade" que o seu compromiso co partido "é indiscutible". "Por iso", dixo, "estarei ao dispor do meu partido sempre; estíveno, estouno e estareino". Está disposto a presentarse ás primarias, aínda pendentes de convocar.
"Esta decisión é un compromiso persoal, porque así é como se expoñen os procesos de primarias e así é como se actúa no Partido Socialista para a designación de candidatos", respondeu. Tamén dixo que falou co presidente do Goberno Pedro Sánchez de "moitísimas cousas" sobre o futuro de Galicia.
Respecto a cando se celebrará ese proceso de primarias considerou que o partido está "en disposición de facelo de maneira inmediata" e non existe unha preocupación polos tempos, e que "a partir de agora, pódese desenvolver en calquera momento".
En todo caso, apuntou que este tipo de procesos de preselección son "abertos" e "pode pasar calquera cousa", polo cal non pechou a porta a que se poidan evitar as primarias se hai unanimidade ao redor da súa figura, xa que "pode participar todo o mundo ou non participar" e "baixo unha premisa ou a outra se actuará".
O exlíder do PSdeG amosouse convencido de que o PP está en caída libre, tamén en Galicia, polo cal cre que hai serias posibilidades de recuperar a Xunta, aínda que advirte de que "se hai cambio estará liderado polo PSOE ou non será".
Besteiro, que forma parte da comisión negociadora da investidura de Pedro Sánchez, asegura que esas negociacións estarán presididas polo "diálogo" e a "convivencia", e ve máis preto un acordo "polo que hai que traballar" que unha repetición electoral.
En todo caso, recoñece que será necesaria unha "pedagoxía constitucional" para explicar aos españois a amnistía, en caso de aprobarse, e deixa claro que Sánchez non impulsará ningunha medida fóra da Constitución.
Gonzalo Caballero
Estas palabras de Besteiro motivaron a reacción do exsecretario xeral dos socialistas galegos. Gonzalo Caballero anunciou que reinicia o seu proceso de escoita de cara ás primarias do PSdeG para "axudar a endereitar o rumbo e fortalecer o socialismo galego", á vez que se mostrou sorprendido de que José Ramón Gómez Besteiro se "autopropoña" candidato "rompendo o período de suspensión de primarias determinado por Ferraz" para centrarse na investidura.
"Anuncian a suspensión das primarias para que todos nos centremos na investidura de Sánchez e atopámonos coa sorpresa de que o outro candidato move ficha e mesmo anuncia un posible cambio do calendario", lamentou Caballero.