Publicador de contidos
Publicador de contidos

Besteiro insiste en que non é momento de falar da candidatura á Xunta

Besteiro insiste en que non é momento de falar da candidatura á Xunta

Dixo que será o líder do partido quen decida cando se abre o proceso de primarias "e vaino facer sabiamente"

Agarda que antes de fin de ano cheguen os trens Avril e estea reconstruído o viaduto do Castro

O delegado do Goberno nun acto en Vigo. EFE/Salvador Sas O delegado do Goberno nun acto en Vigo. EFE/Salvador Sas
G24.gal 16/04/2023 16:56

O delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, insistiu en que non é o momento de falar da súa posible candidatura á Presidencia da Xunta ata que se abra un proceso de primarias e dixo estar ao dispor do que diga o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.

En senllas entrevistas na Cadena Ser La Voz de Galicia, non pechou a porta a ser candidato pero tampouco quixo pronunciarse sobre "hipóteses" e dixo que será o líder do partido quen decida cando se abre o proceso "e vaino facer sabiamente".

Segundo dixo, "non é cuestión de querer ou non" e atribuíu ao "agarimo" as palabras de Formoso, sobre que estaría disposto a dar un paso a un lado de se presentar. Pero hai que entender "como son os tempos e os procesos" e "cando se abra falaremos", engadiu.

Tamén lembrou que "tradicionalmente o secretario xeral forma parte desa candidatura" e que se pode presentar calquera persoa referendada pola militancia porque non será "un dedazo".

"Política a pé de rúa"

Polo que respecta ás súas tarefas como delegado do Goberno, comprometeuse a facer "política a pé de rúa" e reclamou "lealdade" á Xunta, á vez que instou a non "trivializar" sobre certas cuestións que dependen de aspectos técnicos e de seguridade.

Trens Avril e viaduto da A-6

Neste sentido, referiuse tanto á chegada dos trens Avril como á reconstrución do viaduto do Castro da A-6 derrubado e agarda que ambas as dúas cuestións estean solucionadas antes de que finalice este ano.

Ao BNG advertiulle de que non se pode "estar en misa e repenicando" e lembroulle que os orzamentos estatais deste ano, con máis de 1.200 millóns de investimentos para Galicia, non contaron co seu apoio.

Besteiro destacou o "protagonismo" que terá Galicia durante a vindeira Presidencia de quenda de España na UE, con ata cinco encontros na comunidade, entre eles a reunión do Ecofin e o cume europeo de cooperación territorial a finais de outubro, ambas as dúas en Santiago de Compostela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade