Publicador de contidos
Publicador de contidos

Besteiro asume a Delegación do Goberno enxalzando o valor da "xustiza"

Besteiro asume a Delegación do Goberno enxalzando o valor da "xustiza"

"A palabra xustiza ten un importante significado para min", dixo na toma de posesión como novo delegado do Goberno, que foi ademais a representación do seu regreso á actividade política: "Nunca choveu que non escampara", dixo

O presidente da Xunta demandou ao novo delegado que sexa "un transmisor" dos intereses e necesidades desde a comunidade ao Executivo

G24.gal 03/04/2023 14:22 Última actualización 03/04/2023 20:02

O novo delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, situou este luns a "xustiza" no centro da actividade que desenvolverá na súa restitución como cargo público tras estar lonxe da política desde 2016.

Gómez Besteiro prometeu o cargo en galego sobre o artigo 14 da Constitución, que versa sobre a igualdade dos españois.

Tras as súas primeiras palabras dedicadas ás familias de Ribadeo, que perderon a catro mozos no accidente ocorrido o sábado, Besteiro agradeceu a confianza que nel deposita Pedro Sánchez.

Dixo que se trata dun Goberno que, na súa opinión, "marca a historia de España por dúas condicións sobresalientes": "a capacidade innegable para afrontar as crises (...) e a imbatible determinación para facer prevalecer os intereses da maioría".

Así, o novo delegado do Goberno dixo que traballará seguindo esas liñas marcadas polo Executivo: os da xustiza social, económica e ecolóxica, e destacaba Besteiro a palabra "xustiza", "cun importante significado para min", afirmou.

"A xustiza é o valor que articula a acción desta Delegación do Goberno", declarou Gómez Besteiro.

O novo delegado do Goberno reivindicou a política polo seu valor e tendeu "a man" ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que presidiu o acto.

"Fagamos política de verdade entre todas as administracións porque temos unha oportunidade histórica", expuxo.

Fóra da política desde 2016, Gómez Besteiro hoxe volveu a ocupar un cargo público despois de ver arquivadas as súas dez imputacións. "Por unha decisión libre e responsable hoxe estou de novo na política", concluíu Gómez Besteiro, explicando que "non cheguei a aquí só. Débollo a familia, o partido e o sentido do humor".

"Nunca choveu que non escampara", rematou.

Pola súa parte, o exdelegado do Goberno e novo ministro de Sanidade, José Miñones, reivindicou a figura de Gómez Besteiro, do que di "non atopo mellor persoa para substituírme".

Aproveitou ademais Miñones para despedirse das persoas que o acompañaron na Delegación do Goberno.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como "representante ordinario do Estado en Galicia", demandou ao novo delegado que sexa "un transmisor" dos intereses e necesidades desde a comunidade ao Executivo.

"Traballo e traballarei para que a Xunta de Galicia poida ter co Goberno de España moitos máis consensos que desencontro". "Así será posible que esta terra avance", afirmou.

Dixo que "a folla de ruta de Galicia non pode ser ideolóxica nin partidista", polo que pediu a "todos" os presentes unidade na defensa dos intereses galegos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade