Besteiro será o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta sen necesidade de primarias
Besteiro será o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta sen necesidade de primarias
Foi o único que presentou os avais necesarios
O mínimo requirido para ser confirmado como aspirante era de 615; o máximo, de 1.024, e Besteiro presentou máis de 3.000
Besteiro expresou o seu “eterno agradecemento” á militancia que confía nel
O deputado no Congreso e precandidato ás primarias do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu este mércores para presentar os seus avais para ser o candidato socialista á presidencia da Xunta e superou as 3.000 firmas.
O mínimo requirido para ser confirmado como aspirante era de 615 e o máximo, de 1.024, co que quintuplica os apoios que necesitaba. Besteiro quixo levar presencialmente estas firmas á sede do Pino como sinal de “agradecemento” ás persoas que o apoiaron neste proceso de primarias.
Na súa comparecencia ante a prensa horas antes de que conclúa o prazo fixado para reunir os avais necesarios, unha loita en que se mantén o militante coruñés Manuel Losada e da que se retirou o exsecretario xeral dos socialistas galegos Gonzalo Caballero, Besteiro expresou o seu “eterno agradecemento” á militancia que confía nel.
"Quería traelos porque é unha forma de agradecer á moitísima xente que me concedeu o aval para presentarme como candidato á presidencia da Xunta” e porque, lembrou, “o aval é unha declaración pública de que un está e apoia un candidato”.
Rematado o prazo, ningún outro candidato presentou os avais necesarios. Polo tanto, José Ramón Gómez Besteiro, será o aspirante socialista á presidencia da Xunta sen necesidade de ir ás primarias.
Besteiro confirmaba o luns da pasada semana o que era un segredo a voces no seo do partido e anunciou que daba o paso adiante para competir nas primarias e encabezar a candidatura do PSdeG ás eleccións autonómicas. Días despois, deu un paso adiante o que fora secretario xeral do PSdeG e actual deputado autonómico, Gonzalo Caballero. Con todo, cinco días despois de postularse, anunciou que retiraba a súa candidatura "por lealdade e responsabilidade" tras constatar que a dirección socialista e os altos cargos do PSdeG "optan por outra candidatura".
José Ramón Gómez Besteiro regresou á política o pasado mes de marzo co seu nomeamento como delegado do Goberno tras permanecer sete anos apartado do foco mediático. O que fora secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016 decidiu dar un paso ao lado e dimitir como líder do partido en Galicia tras ser investigado pola xuíza Pilar de Lara en relación a varios delitos. Todos eles serían arquivados e a maxistrada sería apartada dos xulgados.