Publicador de contidos
Publicador de contidos

Besteiro tacha de "tremendamente decepcionante" a proposta de goberno de Rueda

Besteiro tacha de "tremendamente decepcionante" a proposta de goberno de Rueda

O voceiro do PSdeG sostivo que o dirixente autonómico se comportou como “o líder da oposición” en España e non como o futuro presidente da Xunta

O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, valora en conferencia de prensa o discurso do presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, na primeira xornada do debate de investidura, este martes en Santiago de Compostela. (EFE / Lavandeira Jr)
G24.gal 09/04/2024 12:20

O portavoz do PSdeG no Parlamento, José Ramón Gómez Besteiro, considerou que a intervención do candidato popular a seguir presidindo a Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, foi “tremendamente decepcionante” e fai que os socialistas alberguen “poucas esperanzas” para o próximos catro anos.

Na súa primeira valoración do discurso de Rueda para pedir a confianza da cámara, o dirixente do PSdeG sostivo que o dirixente autonómico perdeu a oportunidade de atender ás necesidades de Galicia, xa que durante a súa intervención se comportou como “o líder da oposición” en España e non como o futuro presidente da Xunta.

“Non parecía un debate de investidura”, lamentou Besteiro, que botou en falta propostas e medidas.

O voceiro socialista aventura unha etapa continuísta e "pouco edificante" na Xunta

Sobre esta cuestión, Besteiro aventurou unha etapa continuísta e “pouco edificante” na Xunta, xa que todo lle fai prever que continuará a mesma liña “da lexislatura pasada”, en que Rueda xa estivo dous anos á fronte do Goberno autonómico tras a marcha de Alberto Núñez Feijóo a mediados do ano 2022.

En opinión de Besteiro, ao aspirante á Xunta faltoulle impulso político e evidenciou unha estratexia “pouco ambiciosa” na que non ten retos de país nin interese por adquirir novas competencias para o Executivo galego.

Doutra banda, o portavoz do PSdeG tamén criticou a “actitude tremendamente hostil”, segundo a súa visión, que Rueda mantivo cara a outras administracións como o Goberno central ou os concellos, aos que apenas se dirixiu.

Respecto á nova estrutura do Goberno que Rueda perfilou, Besteiro sostivo que os cambios responden a “efectos puramente cosméticos”, pero que non terá efectos positivos para os galegos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade