Bicicletas artesanais de luxo feitas en Galicia conquistan mercados en Europa e América
Bicicletas artesanais de luxo feitas en Galicia conquistan mercados en Europa e América
Contan xa cun novo proxecto que verá a luz nas próximas semanas: a fabricación artesanal de bicicletas en fibra de carbono sostible
Nos próximos días unha clienta de Ángel viaxará desde os Estados Unidos de América ata Madrid para recoller unha das bicicletas feitas por esta empresa galega, situada no viveiro municipal de Iñás, en Oleiros.
"O 70 % das bicicletas que comercializamos son de grave que é unha nova disciplina que está entre a estrada e a montaña", explica Ángel Calabuig, socio fundador de Angel Cycle Works.
Son bicicletas fabricadas en titanio, un material reciclable e sostible. Aquí recíbeno en forma de tubos impresos en 3D que se transformarán nunha bici de altas prestacións. "Imos ensamblando todos os tubos e todas as pezas que forman o cadro da bicicleta e a partir de aí danse puntos de soldadura".
Superados os controis de calidade realízase un acabado personalizado. Son procesos artesanais de 8 ou 10 semanas. Con prezos que oscilan entre os 8.000 e os 18.000 euros, o seu nicho de mercado son ciclistas afeccionados. E non só de España. Hainos do resto de Europa, Asia ou América.
"O mercado de fala hispana tamén funciona moi ben, todo o que é Centroamérica como Venezuela, Panamá, México ou Colombia".
Contan xa cun novo proxecto que verá a luz nas próximas semanas: a fabricación artesanal de bicicletas en fibra de carbono sostible.