Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bo comezo da campaña de extracción do ourizo no Grove

Bo comezo da campaña de extracción do ourizo no Grove

Saíron vinte e catro mergulladores, aos que as condicións atmosféricas e do mar axudaron no traballo de alcanzar o tope de 60 quilos de ourizo por embarcación

Serxio e Ramón chegan coas súas capturas de ourizo este martes ao porto de Pedras Negras, no Grove
G24.gal 15/10/2024 14:18

Ramón e Serxio, dous dos mergulladores que andan ao ourizo no Grove, chegaron ao porto de Pedras Negras a mañá desde martes cos seus primeiros ourizos desta campaña, en que o tope por embarcación está fixado en sesenta quilos. Con todo a favor, en algo máis de dúas horas de traballo mesmo superaron algo esa cota.

"A verdade é que bastante ben. Tivemos bo día para ser o primeiro da tempada. Collemos a cota. O mar está bastante tranquilo e, polo resto, todo ben", di Serxio Nogueira.

Esta mañá de apertura saíron ao ourizo no Grove doce embarcacións. Javier Blanco é outros dos mergulladores e considera que a estrea da tempada foi satisfactoria.

"Ben, por agora, como é o primeiro día, aínda hai. Hai bastante pequeno, pero colleuse ben, a verdade. Non houbo queixa. Colleuse ben a cota. Xa veremos máis adiante. Canto a prezo, no Grove temos un mínimo de 12 euros e agardamos que vaia a algo máis".

Unha das primeiras comercializadoras de ourizo na confraría de San Martiño, Laura, fálanos da calidade do produto e da súa revalorización en pouco tempo:

"Empecei hai oito ou dez anos a comprar a dous euros cincuenta, comprei o ourizo a dous euros cincuenta, e agora está a case vinte euros. Ben, o máis cotizado é este e estoutro, máis roxiño e con máis sabor. E este tamén, porque está moi cheo, e daquela...", di a profesional grovense.

Preguntamos tamén polo estado das reservas deste recurso mariño considerado de moi alto valor comercial:

"Por agora, ben. Hai zonas en que lle falta crecer un pouco máis, pero outras, en que o recurso está bastante ben", sinala Serxio.

E Laura incide na boa calidade do ourizo, que nos amosa e explica o porqué do seu alto prezo final, porque para obter un quilo de produto hai que mercar unha media de dez quilos de ourizo.

O mellor momento, o de calidade óptima, está -precisa- nos meses de xaneiro, febreiro e marzo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade