Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arranca a campaña do ourizo en Aguiño, a lonxa número un de Galicia nesta especie

Arranca a campaña do ourizo en Aguiño, a lonxa número un de Galicia nesta especie

En 2023 pasaron das cen toneladas, cun valor de máis dun millón de euros

A campaña arrancou superando os once euros o quilo de media

G24.gal 07/02/2024 14:22

En Aguiño teñen permiso de extracción do ourizo cousa de cen persoas en 40 embarcacións. Esta semana arrancou para eles a campaña, e teñen 40 xornadas autorizadas para aproveitala. Este ano ten unha importancia especial, porque fallaron as outras producións.

"Polo tema da ameixa este ano foi malo, así que isto é un balón de osíxeno para os mariscadores", explica Fidel Reiriz. "Ameixa non houbo nada e ao percebe pouco fomos", di José Manuel Rei. "Isto é imprescindible", engade. 

A extracción do ourizo é un piar nas contas da confraría dende hai poucos anos. Contan que unha década atrás ían a el por encarga, e vendíano a un prezo fixo de 3 euros o quilo. Esta campaña arrancou por riba dos once euros o quilo, de media. 

"Antes era unha especie á que case non se ía" explica o presidente dos mariscadores, Manuel Reiriz. Di que incrementar o valor desta especie supuxo "darlles un descanso a outras, e un aumento económico para todos os socios". Para Ribeira- engade- a extracción do ourizo "supón moito".

Para manter este recurso, este ano baixaron de 25 a 20 quilos o tope diario por persoa, e fixaron un corte no prezo. "Puxemos unha media de 10 euros" di o patrón maior, José Antonio Santamaría. "Se un día baixa de aí, ao día seguinte non imos extraer o ourizo"

O que se valora dos ourizos é a gónada. E polo que din, a gónada destes ourizos é especial. "É máis saborosa e ten máis grosor ca noutros países", explica Jesús Pedreira, comprador. "Deben ser os pastos ou non sei, pero algo ten", engade. 

Contra a unha, na poxa, chega a hora de ver como se paga esa calidade. O prezo foi subindo ano a ano, e cren que xa pode estar cerca do tope. 

"Estamos convencidos de que o prezo se vai estabilizar ou subir un pouco máis" di o patrón maior. Leva estes anos cunha media de 10-11 euros, chegando a picos de 20 no Nadal -explica- pero non podemos esperar que suba indefinidamente porque os tempos están como están".

A de Aguiño é a lonxa que máis ourizo move en Galicia: máis de cen mil quilos o ano pasado, case o dobre que Baiona, que quedou segunda. Véndese para fresco e para conserva, e vai para un mercado gourmet sobre todo de Francia e Italia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade