Publicador de contidos
Publicador de contidos

Boas expectativas de vendima no Barbanza, cun 15 % máis de produción

Boas expectativas de vendima no Barbanza, cun 15 % máis de produción

Superaron os ataques de mildio e probaron a eficacia dunha rede contra velutinas

As cinco adegas da IXP Viños do Barbanza agardan vendimar uns 55.000 quilos

G24.gal 11/09/2023 13:51

A vendima comezou antes do habitual no Barbanza e a estas alturas xa son poucas as parcelas que quedan por recoller. A previsión é moi boa este ano, en cantidade e calidade. Os viticultores lograron frear a tempo os ataques de mildio e o tempo axudou a que madurase sa.

"Vén ben, a última chuvia deulle a vida, estaba en risco de secar, pero ao final, moi ben", explica Manuel Martínez, un viticultor de Ribeira.

"Foi toda unha sorpresa esta vendima porque en xuño atacou o mildio e pensabamos que viña minguada. Pero despois madurou moi ben, a vendima é máis proveitosa do agardado e a calidade é extraordinaria", engade Francisco Crusat, da adega Entre os Ríos da Pobra.

Todo o viño que fagan con elas está practicamente vendido, xa que hai máis demanda ca oferta para este caldos. O segredo está na orixinalidade de variedades como o raposo, a súa caste estrela. A velutina devora os acios, pero con trampas e unha rede, os viticultores van aprendendo a domala.

"Temos que buscar fórmulas. Eu póñolle trampas pero como moito entran o 10 % delas, e acaban cos acios de Raposo, que é de maduración temperá", lamenta Manuel.

"O compañeiro de adega Cazapitas puxo unha malla, que entra o sol e o aire pero non a velutina. Foi un experimento, pero dixo que deu un resultado extraordinario", comenta Crusat.

Cinco adegas de Pobra, Boiro, Rianxo, Padrón e Valga están acollidas á indicación Viños do Barbanza. Entre todas prevén vendimar uns 55.000 quilos de uva, fronte aos 53.000 do pasado ano. Toda unha marca de produción para estes pequenos viticultores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade