Boas perspectivas de produción de pataca en Coristanco nesta campaña
Boas perspectivas de produción de pataca en Coristanco nesta campaña
Xa está en marcha a colleita nas leiras de terra lixeira, con previsión de boa campaña
A maior parte das patacas en Coristanco apáñanse no mes de agosto
A produción de pataca no concello de Coristanco ocupa máis de 200 hectáreas e, polo aspecto das plantacións, a mediados de xullo o panorama é esperanzador ante a colleita forte que se prevé para agosto. Coma sempre que se trata de cultivos ao aire libre, cómpre que axude o tempo, cunhas condicións atmosféricas favorables para a planta e adversas para os fungos e pragas. As perspectivas, de momento, son boas e mesmo superarían a colleita precedente minguada pola seca do ano pasado.
Juan Ramón Sanjurjo, agricultor e presidente da Asociación de Produtores de Pataca de Coristanco:
"A previsión de que vai ser unha boa campaña. Estamos nun momento critico, porque hai humidade e podemos correr risco de mildio. Pero, de momento, vaise tremando e creo que vai ser unha boa campaña".
Dicir pataca de Coristanco é falar da variedade Kennbeck, moi valorada por numerosos consumidores e na hostalería:
"Si. Aquí o 99,9 por cento plantamos Kennebeck. Tamén algo de Fina de Coristanco ou Fina de Bergantiños, pero case toda é Kennebeck", di Sanjurjo.
A plantación nesta zona, incluída na IXP Pataca de Galicia, faise primeiro nos terreos lixeiros, onde agora empezar a apañalas. E, aínda que o tempo non foi favorable de todo, o resultado é satisfactorio
"Como houbo bastante seca, igual se produciu algo de verme, pero...n están bastante contentos; a colleita está sendo medianamente boa", segundo o presidente da Asociación de Produtores de Pataca de Coristanco.
Ás patacas nas terras máis pesadas, coma estas do Ribeiro e de Ervecedo, aínda lles quedan bastantes días na terra, polo que produtoras e produtores están pendentes da atmosfera coa esperanza posta nunha colleita boa en calidade e cantidade.
"As patacas xa teñen na terra a auga que lles fai falta. Daquela o ideal sería que fixese un pouco de aire para que secase algo a terra e non houbese ataque de mildio. Quitar a humidade e que houbese calor; as patacas tamén queren sol", conclúe Juan Ramón Sanjurjo.