Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sector da castaña agarda unha boa colleita tras cinco anos de perdas

O sector da castaña agarda unha boa colleita tras cinco anos de perdas

O tempo foi o axeitado e a praga da avespiña vai, por fin, a menos

Os produtores contan con multiplicar por catro a colleita do ano pasado

G24.gal 26/09/2023 20:48 Última actualización 26/09/2023 21:08

Cinco anos de malas colleitas leva o sector da castaña en Galicia. Á avespiña, combatida cun insecto depredador, o torimus, sumouse o verán pasado unha seca devastadora que causou perdas do 80 % da produción. 

Pero este ano contan con que a situación mellore considerablemente. En Vilardevós, un dos concellos con máis produción, agardan chegar ao millón de quilos que viña sendo habitual un ano normal fronte aos 200.000 do ano pasado.

"Atrévome a dicir que vai ser un grande ano e que imos recuperar as producións de cinco anos atrás", augura Paco González Fernández, representante dos produtores da castaña de Vilardevós.

O tempo foilles moi favorable este ano, desde a primavera ata agora no outono.

"Choveulles en maio e xuño, e agora setembro tamén veu con chuvia, que é o que elas queren. O que din é que en agosto queren arder e en setembro, beber", asegura Francisco Fernández Álvarez, produtor.

O obxectivo para o conxunto de Galicia está nos 20 millóns de quilos.

"Vese unha castaña limpa, sa, pouco bicho... todo nos fai prever que a colleita vai ser boa pero, ata que estea no chan...", di Bieito Barreira, un dos produtores máis novos de Vilardevós.

As variedades autóctonas, amparadas pola IXP, aínda están verdes. Calcúlanlles de tres a catro semanas para comezar a colleita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos