Publicador de contidos
Publicador de contidos

Boas previsións para a colleita de castaña

Boas previsións para a colleita de castaña

Os produtores contan con que sexa o mellor dos últimos cinco anos

Agardan chegar aos 20 millóns de quilos en toda Galicia

G24.gal 28/09/2023 18:08 Última actualización 28/09/2023 19:17

Cinco anos de malas colleitas leva o sector da castaña en Galicia. Á avespiña, combatida cun insecto depredador, o torimus, sumouse o verán pasado unha seca devastadora.

En Vilardevós, un dos concellos con máis produción, contan con chegar este ano ao millón de quilos que viña sendo habitual un ano normal, fronte aos 200.000 do ano pasado.

"Atrévome a dicir que vai ser un grande ano e que imos recuperar as producións de cinco anos atrás", di Paco González Fernández, representante dos produtores da castaña de Vilardevós.

O tempo foilles moi favorable este ano, desde a primavera ata agora no outono.

"Choveulles en maio e xuño, e agora setembro tamén veu con chuvia, que é o que elas queren. O que din é que en agosto queren arder e en setembro, beber", comenta Francisco Fernández Álvarez, produtor.

O obxectivo para o conxunto de Galicia está nos 20 millóns de quilos.

"Vese unha castaña limpa, sa, pouco bicho... Todo nos fai prever que a colleita vai ser boa, pero ata que estea no chan...", afirma Bieito Barreira Barreira, produtor.

As variedades autóctonas, amparadas pola IXP, aínda están verdes. Calcúlanlles de tres a catro semanas para comezar a colleita.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar