A Corte Suprema vai investigar a Bolsonaro polo intento golpista de Brasilia
A Corte Suprema vai investigar a Bolsonaro polo intento golpista de Brasilia
Sospeitan que incitou a invadir as sedes do Parlamento, a Presidencia e o Supremo o 8 de xaneiro
A Corte Suprema, a pedimento da Fiscalía, incluíu o expresidente brasileiro Jair Bolsonaro na lista de investigados polo intento golpista que cometeron os seus simpatizantes máis radicais o domingo pasado en Brasilia.
O cerco xudicial estréitase sobre o exmandatario, que se atopa nos Estados Unidos, e do que se sospeita que incitou a invadir e esnaquizar as sedes do Parlamento, a Presidencia e o Supremo o día 8 de xaneiro.
Na tarde do venres, o Ministerio Público solicitoulle ao Supremo permiso para investigar o líder ultradereitista pola súa presunta participación como autor intelectual do violento asalto e, tan só unhas horas máis tarde, o alto tribunal acatou a petición.
O aval deuno o maxistrado Alexandre de Moraes, un dos once xuíces do Supremo, actual presidente do Tribunal Superior Electoral (TSE) e obxecto de graves ataques desde hai meses por parte de Bolsonaro e os seus aliados.
Vídeo compartido nas redes
De Moraes aceptou o argumento principal da Fiscalía: un vídeo compartido por Bolsonaro nas súas redes sociais o 10 de xaneiro, dous días despois do asalto aos tres poderes, no que se sementan dúbidas sobre o resultado das eleccións de outubro e a lexitimidade das institucións.
O capitán retirado do Exército, que segue sen recoñecer abertamente a súa derrota nas urnas, eliminou ese vídeo horas despois, cando xa estaba a circular como a pólvora entre os seus acólitos. Con iso, o Ministerio Público cre que "incitou de xeito público á práctica do crime".
Para De Moraes, coa divulgación do vídeo, Bolsonaro "posicionouse "unha vez máis" de forma, "en tese, criminal contra as institucións", en especial contra o Supremo e o Tribunal Superior Electoral (TSE), "imputándolles aos seus xuíces fraude nas eleccións para favorecer" a Lula.
Posible interrogatorio
O maxistrado tamén sinalou que estudará "no momento oportuno" un posible interrogatorio a Bolsonaro ante "as noticias de que non se atopa en territorio brasileiro".
O ex-xefe de Estado viaxou a Orlando, na Florida, o 30 de decembro, dous días antes de acabar o seu mandato, por motivos nunca explicados, aínda que recentemente dixo a CNN Brasil que volvería a finais deste mes.
Sobre o asalto golpista, apenas se pronunciou nuns chíos o mesmo día 8 para rexeitalo de forma morna e negar as acusacións vertidas por Lula, que responsabilizou o seu predecesor de "estimular" os seus seguidores.
Ao longo da campaña electoral, Bolsonaro acusou a cúpula xudicial de actuar en favor de Lula e liderou unha feroz campaña contra o sistema electoral con base en alegacións falsas de fraude.
A esquerda defende que ese comportamento, unido ao seu silencio tras perder as eleccións, alimentou a ira dos bolsonaristas, que ata a semana pasada estaban acampados na porta dos cuarteis pedindo un golpe contra o dirixente progresista.
Ao non seren escoitados polas Forzas Armadas, milleiros destas persoas tentárono o domingo sementando o caos durante catro horas en Brasilia.
Outras investigacións
Bolsonaro, un nostálxico defensor das ditaduras militares de dereitas e que o pasado día 1 perdeu a súa inmunidade, está a ser investigado ademais noutros catro procesos penais abertos no Supremo, pero todos eles están na fase inicial.
Un deles busca esclarecer se interferiu de forma política e ilegal nas decisións da Policía Federal para protexer á súa familia.
Tamén investigan se divulgou noticias falsas sobre a vacina contra a covid-19, que asociou co risco de desenvolver sida, e por divulgar documentos secretos da Policía cos que quixo inflamar a súa campaña contra o proceso electoral.
Igualmente está no foco da Xustiza noutro caso que indaga a existencia de "milicias dixitais", vinculadas a grupos de extrema dereita, que buscan derrubar a orde democrática.
Prisión para o exministro de Xustiza
Outro dos investigados polos violentos actos do domingo pasado é o exsecretario de Seguridade de Brasilia Anderson Torres, que fora ministro de Xustiza de Bolsonaro. Sobre Torres pesa unha orde de prisión do Supremo pola súa suposta "omisión" no asalto.
Ademais, a Policía topou na casa do exministro un borrador dun decreto presidencial para intervir o Tribunal Superior Electoral e "corrixir" o resultado das presidenciais, que Bolsonaro perdeu ante Lula por unha diferenza de 1,8 puntos.
Torres, como Bolsonaro, está nos Estados Unidos, aínda que afirmou que regresará ao Brasil nos próximos días para entregarse ás autoridades.