Bolsonaro segue sen recoñecer a vitoria de Lula
Bolsonaro segue sen recoñecer a vitoria de Lula
O exsindicalista logra un terceiro mandato, 12 anos despois
A vitoria máis axustada da democracia brasileira
Foi a vitoria máis axustada na historia da democracia brasileira. Lula da Silva impúxose a Jair Bolsonaro por menos de 2 puntos de diferenza.
O líder do Partido dos Traballadores gozará dun terceiro mandato, 12 anos despois do segundo e tras de pasar case dous en prisión por un suposto caso de corrupción finalmente anulado. "Tentaron soterrarme vivo pero aquí estou", dicía este domingo o exsindicalista.
As prioridades do Lula
No seu discurso da vitoria, Lula anticipou algunhas das súas prioridades: recuperar a protección da Amazonía, sacar O Brasil do illamento internacional, acabar coa fame e, sobre todo, pechar a fenda social que divide máis que nunca o país.
"A maioría do pobo brasileiro deixou ben claro que desexa máis e non menos democracia", dixo Lula. Non o terá doado, para empezar pola incógnita que rodea os vindeiros pasos do seu contrincante.
O silencio incómodo de Bolsonaro
O aínda presidente, Jair Bolsonaro, aínda non compareceu para recoñecer a súa derrota. Porén, si falou en redes o un dos seus tres fillos con responsabilidades políticas, o senador Flavio Bolsonaro, aínda que sen falar de vitoria, nin mencionar a Lula.
Obrigado a cada um que nos ajudou a resgatar o patriotismo, que orou, rezou, foi para as ruas, deu seu suor pelo país que está dando certo e deu a Bolsonaro a maior votação de sua vida! Vamos erguer a cabeça e não vamos desistir do nosso Brasil! Deus no comando!
— Flavio Bolsonaro #B22 (@FlavioBolsonaro) October 31, 2022
Unha situación de suspense que pode prolongarse nos dous meses que quedan ata que Lula tome posesión do cargo.
Pero para Bolsonaro tampouco será sinxelo impugnar os resultados, avalados polo Tribunal Electoral e mesmo por varios dos seus aliados.
Pese a todo, o líder da ultradereita perdeu as eleccións con máis votos que hai 4 anos e conserva ademais o poder en 13 dos 27 estados brasileiros.
E mentres, os seus seguidores seguen protestando contra os resultados nas rúas. Cortaron 142 estradas e bloquearon parcialmente o aeroporto de Guarulhos, o máis importante de América do Sur.