Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bos datos de ocupación na Ribeira Sacra durante as vacacións de Semana Santa

Bos datos de ocupación na Ribeira Sacra durante as vacacións de Semana Santa

O clima foi determinante para algunhas cancelacións, pero o sector dá por salvada a Semana Santa con cifras similares ás do ano pasado

G24.gal 02/04/2024 21:26 Última actualización 02/04/2024 22:01

Na Ribeira Sacra, o Consorcio de Turismo sitúa a ocupación nun 87 por cento os días centrais, entre o pasado mércores e o luns desta semana, festivo en varias comunidades autónomas. Son dous puntos máis do que indicaban as previsións.

Pero baixan os datos, porén, se falamos dos días previos, ata quedar nun 67 por cento. Claro está que a climatoloxía foi determinante estes días e foron inevitables as cancelacións, con todo, o sector dá por salvada a Semana Santa con cifras moi similares ás rexistradas o ano pasado.

Igual que no resto de Galicia, a chuvia apenas deu tregua na Ribeira Sacra durante a Semana Santa. Aquí estimaban que a ocupación chegaría ao 85 por cento e semella que a meteoroloxía non deron botado por terra as previsións. Alexandra Seara, Xerente do consorcio de Turismo Ribeira Sacra:

"Ben sexa polas políticas de cancelación, porque non había plan B ou por chover en practicamente todo o territorio nacional, apostaron por seguir vindo á Ribeira Sacra aqueles que o tiñan comprometido cando pensabamos que o descenso ía ser considerable. Cun 87 por cento de ocupación non podemos estar máis satisfeitos, dende logo".

Aínda que menos das agardadas, algunhas cancelacións si foron chegando, e en establecementos pequenos coma este de Nogueira de Ramuín, din que non van lembrar esta Semana Santa como unha das mellores. María Carmen Rodríguez Fidalgo, do Hotel A Forxa: 

"O ano pasado tivemos moitísima máis xente que este ano. Tivemos moitas cancelacións e aínda que xa contabamos con telas polo tempo que nos estaban dicindo que iamos ter. Dous días tiven o hotel cheo, o resto non, podo dicir que non".

Algo máis preto de Ourense, pero aínda na Ribeira Sacra, en establecementos coma este colgaron o cartel de completo, e case o precisan tamén para esta semana. Jorge Guerra, das Cabanas Mirador Cachamuinas:

"A verdade é que foi excelente, non nos podemos queixar, foi unha ocupación do cen por cento. Había mesmo lista de espera, tivemos por mala sorte nunha cancelación que se cubriu con esa lista de espera e algunha xente quedou ás expensas de se quedaba algunha data libre. Tamén esta semana está moi ben de ocupación".

Outros establecementos da zona como o Parador de Santo Estevo rexistraron un 95 por cento de ocupación, moi preto desta cifra quedaron tamén as vivendas turísticas e as casas de turismo rural.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade