Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bos datos no mercado laboral: máis cotizantes e menos parados en maio, por Maite Cancelo

Bos datos no mercado laboral: máis cotizantes e menos parados en maio, por Maite Cancelo

O paro diminuíu en 4.900 persoas e sitúanos como a terceira comunidade autónoma na que máis baixou

G24.gal 06/06/2023 08:17

O mercado laboral segue mellorando os seus resultados e mostrando a súa fortaleza, ao aumentar o número de afiliacións á Seguridade Social e reducirse o paro, o cal é un resultado da recuperación económica que estamos a ter xa superada a crise da COVID-19 e a pesar da escalada inflacionista, que se está tamén a moderar.

Maio adoita ser un bo mes para o emprego, dada a elevada estacionalidade do noso mercado de traballo provocada polo importante peso do turismo na nosa economía, e neste mes xa comezan as contratacións previas á tempada turística.

Os datos publicados conxuntamente polos Ministerios de Traballo e de Seguridade Social lanzan un número medio de afiliacións en Galicia en maio de 1.059.085, aumentando así en 8.770 con relación ao mes anterior (0,84 %) e 18.337 con relación ao mesmo mes do ano anterior (1,8 %). En España as afiliacións soben a 20.815.399, aumentan un 0,97 % respecto a abril e 2,88 % (582.676) con relación ao ano anterior.

Galicia crea en maio máis emprego

En comparativa con outras comunidades autónomas, Galicia crea en maio máis emprego que Andalucía, Asturias, Canarias, Cantabria, Comunidade Valenciana, Madrid ou País Vasco.

Dentro de Galicia, o maior crecemento intermensual atopámolo na provincia de Ourense, 1,13 %, con 1.175 afiliacións novas, seguida por Pontevedra cun 0,86 % (3.152 novas altas).

Segundo o réxime de afiliacións, as do réxime xeral (que representan o 79 % do total) aumentaron nun 1,1 % con relación ao mes anterior e un 3,5 % con respecto a maio do 2022.

Estes bos datos de afiliacións veñen acompañados, ademais, por unha melloría no número de desempregados, que en España se reduce en 49.260 persoas durante o mes pasado, ata os 2,74 millóns de parados, que é o menor nivel no mes maio desde 2008.

Terceira comunidade autónoma en que máis baixou o paro

En Galicia o paro diminuíu en 4.900 persoas, e sitúanos como a terceira comunidade autónoma en que máis baixou o paro rexistrado, 134.000 persoas desempregadas, a cifra máis baixa dos últimos 27 anos, e só por detrás de Andalucía e Castela-A Mancha.

Por sectores, no conxunto estatal diminúe con máis intensidade no sector servizos, mentres que en Galicia os sectores que impulsaron estes bos resultados son o primario, construción e industria.

Para finalizar, a pesar dos bos datos, este maio comportouse peor que outros anos neste mesmo mes (descontados os anos 2021 e 2022), e a nota máis negativa volven poñela os autónomos, con caídas de afiliacións nas catro provincias galegas e o peor dato en Ourense, cunha caída interanual de case o -2 %, Lugo (-1,9), A Coruña (-1 %) e Pontevedra (-0,1 %), co cal, a caída media galega sitúase no -0,96 %.

Por sectores, aínda que se reduce en todos, o máis castigado foi o do comercio, que xa acumula unha perda de 20.000 afiliacións durante o último ano, o cal volve poñer encima da mesa a necesidade de cambiar as políticas públicas para este colectivo, que ten unha maior presión fiscal que os traballadores por conta allea, o cal dificulta a liquidez que necesitan para manter os seus negocios e pode ser unha das causas que explican a caída continua que estamos a ver desde hai máis dun ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade