Bruxelas fai soar as alarmas polo declive dos insectos polinizadores
"Estes pequenos insectos poden definir o futuro da natureza e a seguridade alimentaria", di o comisario europeo de Medio, Virginijus Sinkevicius
A Comisión Europea presentou este martes unha serie de recomendacións aos países da Unión Europea para frear en 2030 o declive dos insectos polinizadores ante o descenso das poboacións de abellas, bolboretas ou avespas, que supón unha ameaza para a biodiversidade e a agricultura na UE.
"As pequenas cousas poden operar grandes cambios no mundo. No caso dos polinizadores, estes pequenos insectos poden definir o futuro da natureza e a seguridade alimentaria a longo prazo", declarou en rolda de prensa o comisario europeo de Medio, Virginijus Sinkevicius.
O Executivo comunitario trasladou aos estados membros da UE un documento cunha serie de recomendacións para "mellorar a conservación e aplacar as causas do declive" que reforza unha primeira comunicación emitida en maio de 2021, despois de que o Tribunal de Contas da UE subliñase en 2020 que as accións comunitarias para protexer a estes insectos resultaran ineficaces.
En concreto, Bruxelas propón varias liñas de acción centradas nos polinizadores silvestres, e en especial nas 2.000 especies de abellas censadas na UE. Estas pasan por conservar mellor ás especies e os seus hábitats, restaurar as súas contornas de vida nas paisaxes agrícolas ou mitigar o impacto do uso de pesticidas.
"A metade dos cultivos da UE que dependen dos polinizadores sofre un déficit. Reducir e substituír os pesticidas químicos é absolutamente necesario", sinalou o vicepresidente da Comisión Europea para o Pacto Verde, Frans Timmermans.
A Comisión Europea, que asegura que a UE xa ten "un dos sistemas de regulación máis estritos do mundo relativo á aprobación de pesticidas", estima que a achega dos polinizadores á reprodución de cultivos e plantas silvestres ten un impacto de "polo menos 5.000 millóns de euros ao ano" no sector agrícola comunitario, polo que o seu declive supón "un risco directo para a produtividade agrícola", sinalou nun comunicado o comisario de Agricultura, Janusz Woijciechowski.
"Onde se detecten impactos daniños para os polinizadores, tomaranse medidas legais para restrinxir ou prohibir o uso dos pesticidas concernidos", asegura o Executivo comunitario.
Bruxelas, que xa aborda o problema a través de distintas ferramentas, algunhas xa en uso como as Directivas de Hábitats e Paxaros, a Política Agrícola Común (PAC) ou as políticas de cohesión, investigación e innovación, quere reforzar ese traballo.
A Comisión anima os Vinte e sete a que melloren os hábitats dos polinizadores en áreas urbanas e a que os gorezan de ameazas como o cambio climático, as especies invasoras ou a polución lumínica.
Bruxelas tamén pide ás capitais que traballen para aumentar a concienciación pública e proponse ademais mellorar o coñecemento sobre os problemas que xeran o declive deses insectos, como a creación para 2025 dun mapa de áreas de polinización na UE.
A Comisión Europea avanzou que máis adiante presentará outro paquete de recomendacións sobre polinización especificamente dirixidas á agricultura, atendendo á iniciativa cidadá "Salvar as abellas e os granxeiros".