Bruxelas lanza a primeira compra conxunta de gas da historia da UE
Bruxelas lanza a primeira compra conxunta de gas da historia da UE
O obxectivo da plataforma AggregateEU é abaratar as importacións para o inverno, afastándose do gas ruso
A Comisión Europea anunciou hoxe o lanzamento da primeira compra conxunta de gas na UE, cunha demanda agregada total de 11.600 millóns de metros cúbicos.
"Fixemos o que prometemos nun tempo récord. A Comisión creou este mercado da nada e as compañías responderon positivamente, e agora estamos a colocar as nosas ofertas no mercado internacional", dixo en conferencia de prensa o vicepresidente da Comisión Europea para Relacións Interinstitucionais, Maros Sefcovic.
O obxectivo da plataforma AggregateEU é agregar demanda e negociar conxuntamente para abaratar as importacións dese hidrocarburo de fronte ao enchido dos almacéns para o próximo inverno, depósitos que se atopan actualmente ao 62 % da súa capacidade, fronte ao 37 % de hai un ano, tras a invasión de Rusia sobre Ucraína.
Bruxelas considera un "fito histórico" o sistema concibido para afastarse do gas ruso, aberto a compañías da UE e tamén de Estados como Ucraína, Serbia ou Moldavia.
Un total de 107 compañías subscribíronse á nova plataforma e 77 encargaron gas nesta primeira licitación, que se entregará entre xuño de 2023 e maio 2024.
A Comisión Europea organizará licitacións similares cada dous meses a través dun sistema que "se consolidará co tempo e perdurará" e representa "unha oportunidade enorme para ambas as partes, para os compradores e sobre todo para os vendedores", segundo Sefcovic.