Bueu acada un ascenso histórico á Liga ACT
Bueu acada un ascenso histórico á Liga ACT
Superou a Lapurdi por só dous segundos e remará por primeira vez na elite do remo
Ares quedou ás portas e Cabo acabou a temporada nun meritorio sexto posto
O Club do Mar de Bueu remará por primeira vez na historia na Liga ACT. No seu terceiro intento acadou a fazaña nun final de regata agónico. Igualou no play off con Lapurdi e só mellorou as prestacións do equipo vasco-francés por dous segundos.
Saía con vantaxe na xornada definitiva pero houbo que empregarse a fondo pola igualdade dos cinco equipos. San Pedro estivo a un nivel superior e volverá logo de catro anos de ausencia. Ares, a outra galega, tamén tiña opcións pero malgastounas nunha mala xornada de domingo.
Quedou todo nun man a man entre Bueu e Lapurdi que caeu do lado dos galegos.
Rematou a ACT co triunfo final de Urdaibai. É o seu noveno título, con diferenza o equipo que acadou máis éxitos. Segundo quedou Ziérbena, que se impuxo na última xornada disputada no campo de regatas de Portugalete.
Cabo estivo a un gran nivel nesta última xornada e permitiulle asaltar o sexto posto que tiña Getaria. É a terceira mellor clasificación histórica do gran referente do remo galego, acompañado por Bueu a vindeira temporada.