Bugallo presenta a súa dimisión como líder do PSOE compostelán
Bugallo presenta a súa dimisión como líder do PSOE compostelán
O alcalde en funcións de Santiago confirmou que non asistirá ao pleno de constitución da nova corporación local, que será o sábado 17 de xuño
O PPdeG é a primeira forza en Santiago, mentres que o BNG adianta o PSdeG
O alcalde en funcións de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou a primeira hora deste luns a súa renuncia como secretario xeral dos socialistas composteláns, á vez que confirmou que non asistirá ao pleno de constitución da nova corporación local, que será o sábado 17 de xuño.
Así o explicou este luns nunha rolda de prensa no consistorio compostelán, na que apuntou que o pleno que elixirá ao novo alcalde da cidade será o 17 de xuño, tal e como acordaron os grupos, e engadiu que el non asistirá, xa que non recollerá a súa acta de edil, como anunciou xa na noite electoral.
Do mesmo xeito, engadiu que á primeira hora deste luns presentou a súa dimisión tamén como secretario xeral do PSOE de Santiago, aínda que recoñeceu que o fixo antes de coñecer a convocatoria de eleccións xerais para o 23 de xullo e dixo aos seus compañeiros que está "disposto" a "seguir en activo ata o 24 de xullo" se así o estiman. "Non é que queira escapar", chanceou.
Sobre o futuro goberno de Santiago, Sánchez Bugallo dixo que non lle corresponde a el fixar xa os pactos electorais, pero lembrou que "tradicionalmente" o PSOE e o BNG teñen o acordo de apoiar "a lista máis votada" dos dous, á vez que apuntou que "en Santiago sería difícil de explicar que, habendo 14 concelleiros que conforman unha maioría progresista, non houbese un goberno progresista".
Sobre a súa substitución á fronte do grupo municipal ou no PSOE compostelán, non quixo entrar.Santiago foi unha das sorpresas da xornada electoral e, por primeira vez na súa historia, unha muller, a candidata do BNG, collerá alí o bastón de mando.
"Dixemos que fariamos historia. A poboació falou. Veciños e veciñas de Compostela falaron e dixeron ben claro que querían ter unha alcaldesa, unha alcaldesa por primeira vez na capital de Galicia" proclama Goretti Sanmartín, candidata do BNG á alcaldía de Santiago.
Compostela Aberta perdeu 3 dos 5 representes que tiña. A súa candidata, María Rozas, amosou a súa predisposición a facer alcaldesa a Goretti Sanmartín. Pero a forza máis votada foi a do Partido Popular. Os de Borja Verea conseguiron 11 dos 25 concelleiros da corporación. Quedou a dous de acadar a marioría absoluta. Con todo non descarta gobernar.
"Son as regras do xogo é certo, pero tamén son as regras do xogo as de gobernar en solitario, e o meu equipo está preparado para gobernar a partir do 17 de xuño", anunciou Borja Verea, candidato do PP á alcaldía de Santiago.