Buscan a Madeleine McCann no encoro de Arade 16 anos despois da súa desaparición
Buscan a Madeleine McCann no encoro de Arade 16 anos despois da súa desaparición
Esa contorna é un dos lugares frecuentados polo principal sospeitoso do caso, Christian Brueckner
Este home conta cun amplo historial de crimes por abusos sexuais e pederastia, algúns deles en Portugal
Dezaseis anos despois da desaparición da nena británica Madeleine McCann mentres estaba de vacacións cos seus pais no Algarve, as procuras policiais regresan ao sur de Portugal nun novo intento por resolver o caso.
A petición das autoridades de Alemaña, e con presenza de axentes ingleses, o operativo da policía portuguesa desenvólvese no encoro de Arade, a uns 50 quilómetros de Praia da Luz. Nesa contorna foi secuestrada a nena e tamén é un dos lugares frecuentados polo principal sospeitoso do caso, Christian Brueckner.
O 3 de maio de 2007 Madeleine desapareceu da habitación dun complexo turístico onde durmía cos seus irmáns pequenos. Tras anos de investigación, o alemán Christian Brueckner foi catalogado o ano pasado como "arguido".
Esta palabra define unha figura portuguesa que designa os sospeitosos formais sobre os que recaen fortes indicios, previa á acusación, co obxectivo de evitar a prescrición do caso.
Xiro na investigación en 2020
O caso deu un xiro en 2020 cando as autoridades identificaron oficialmente a Brueckner, preso en Alemaña por outros delitos, como sospeitoso da desaparición.
A Fiscalía alemá traballa coa teoría de que Madeleine morreu a mans de Brueckner, que conta cun amplo historial de crimes por abusos sexuais e pederastia, algúns deles en Portugal.
As sospeitas contra el tomaron peso tras ser extraditado desde Portugal a Alemaña en 2017 acusado dun caso de abuso sexual a menores en Grecia. A investigación dos seus movementos demostrou, polo rastro do seu teléfono móbil, que se atopaba preto do complexo vacacional onde se hospedaban os McCann a noite en que Madeleine foi secuestrada.