Búscase o dono dun sobre con cartos atopado en Bóveda
Búscase o dono dun sobre con cartos atopado en Bóveda
Apareceu diante do centro de saúde de Rubían
Non dan detalles do achado para evitar trampas
No chan, nun lugar visible e algo mollado foi como atopou unha parella do concello lugués de Bóveda un sobre con diñeiro. Non dubidaron e entregárono no concello.
"É unha cantidade curiosa, considerable, e o feito de devolvelo co fácil que sería metelo no peto", explica o alcalde de Bóveda José Manuel Arias.
Na vila son moitos os que aplauden o xesto.
"Foi alguén que é moi boa persoa. Mira, non se perde a fe na humanidade, puido gardalo e tivo a dignidade de devolvelo".
E manifestas que farían o mesmo.
"Eu entregaríao tamén, se o encontro non é meu, pesaríame toda a vida. O xesto paréceme formidable, dunha persoa honrada das que non se encontran moitas hoxe".
Pero tamén hai quen, entre risas, dubida de que faría.
"Home, depende o diñeiro que fose".
"Eu tal e como está a economía non sei se o devolvería. Depende da cantidade. O que o fixo é un bo tío, portouse".
Lembra que ata o centro de saúde onde apareceu o achado acoden non só os veciños de bóveda senón tamén os do Incio.
"Nese diñeiro non hai nada que identifique ao propietario pero si hai un detalle entre o diñeiro que esa persoa pode concretar", conta o alcalde de Bóveda José Manuel Arias.
Non dan detalles do sobre para evitar trampas e creen que pode pertencer a unha persoa maior.