Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños do Pombal reclaman acceso con vehículos ás súas casas durante as obras na rúa

Veciños do Pombal reclaman acceso con vehículos ás súas casas durante as obras na rúa

As obras, que comezan o martes, teñen un prazo de execución marcado de oito meses 

O concello de Santiago asegura que as obras implican unha renovación integral da rúa e da rede de servizos e requiren cortar o acceso 

G24.gal 23/06/2024 14:27 Última actualización 23/06/2024 19:10

Veciños da rúa do Pombal, en Santiago, quéixanse das obras que comezarán o próximo martes para reurbanizar a rúa porque non terán acceso do tráfico rodado ás súas casas. Reclaman que os traballos se realicen en dúas fases diferentes, deixando media calzada libre.

Desde o concello aseguran que é necesario acometer as obras ao mesmo tempo na totalidade da rúa porque supoñen unha renovación das instalacións de saneamento, telecomunicacións, beirarrúas ademais dos carrís de tráfico. 

As obras comezan co remate do curso escolar, para evitar problemas maiores nunha zona con varios centros educativos e con densidade de tráfico urbano. O próximo martes está previsto o inicio dos traballos que permitirán mellorar a accesibilidade na rúa e que contemplan tamén unha reforma da rede de servizos e un carril bici.

A veciñanza recoñece a necesidade destas obras, pero critica a execución por quedaren sen acceso ás súas casas con vehículos durante polo menos 8 meses, que é o prazo de execución marcado. Advirten que presentarán un recurso xudicial.

"É unha situación imposible de manter. Hai hoteis con clientes que levan maletas, eu teño un coche eléctrico que teño que cargar, hai persoas maiores, son necesarias ambulancias, os bombeiros non poden entrar, é demencial. A solución é fácil, facer as obras na rúa en dúas metades: primeiro a de subida con desvío dos coches que van aos garaxes desde aí e despois a de baixada", asegura José Manuel Otero, veciño afectado.

"Os residentes non somos tantos, e o volume de vehículos non vai ser tan intenso, entón hai que estudalo. A min que nos pechen os garaxes, aínda, pero que nos deixen a posibilidade de achegarnos ás casas en determinados momentos", pide Natividad Moreira.

O concello programou modificacións nas liñas de autobús e desvíos do tráfico polas rúas lindeiras. Ademais aos veciños facilitaránselle prazas de aparcadoiro nas proximidades. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade