Buscan en Aranga un veciño de 91 anos que desapareceu da súa casa o pasado xoves
Buscan en Aranga un veciño de 91 anos que desapareceu da súa casa o pasado xoves
Ramón Vidal vivía só na súa vivenda do lugar de Maques
Un helicóptero da Garda Civil sumouse este luns ás tarefas de busca en Aranga, nas que tamén participaron os drons da Axencia Galega de Emerxencias. Tratan de localizar a Ramón Vidal, de 91 anos, que vivía só na súa casa do lugar de Maques e está desaparecido.
Desde que se deu voz de alarma o pasado xoves, cada día un grupo de veciños súmase ás tarefas de busca para colaborar coas autoridades. O punto de encontro é a escasos metros da casa de Ramón. Aí foi visto por última vez o pasado mércores.
Neste tempo o operativo, contou ademais con efectivos do GES de Curtis e da unidade canina de rescate da Garda Civil.
A persoa que primeiro o botou en falta foi a que lle facía o traballo doméstico. Ramón saía todos os días a camiñar. Deixou documentación e pertenzas na casa.
"Esta persoa andaba quilómetros ao seu paso porque tiña un paso lento, pero seguro. Andaba uns oito ou nove quilómetros. El tiña obsesión por mirar as súas leiras. A obsesión del eran as leiras", comenta Luis Álvarez, sobriño do desaparecido.
A Garda Civil coordina o operativo de busca.