Buscan gandeiros para contratar veterinarios
Buscan gandeiros para contratar veterinarios
Gandeiros do sur de Ourense promoven a creación dunha Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira para adaptárense ás novas esixencias europeas
A normativa obrígaos a ter un veterinario de referencia en cada explotación
Se ata agora cada gandeiro pagaba os servizos do veterinario cando lle enfermaba algún animal, coa nova normativa europea, que se calcula que entrará en vixencia en maio do ano que vén, a situación vai cambiar. As explotacións teñen que ter un veterinario de referencia para o control sanitario.
Jose Bailón Fernández, gandeiro da Limia: "Debería haber, durante todo o ano, un veterinario garante, que garanta a sanidade animal, benestar animal, uso de antibióticos... unha serie de cousas que pasan a ser obrigatorias a partir do ano que vén".
Unha esixencias difíciles de asumir por unha explotación común, como a que teñen Gemma e os seus socios en Trasmiras: unhas noventa cabezas de vaca cachena, entre nais e becerros, criadas ao aire libre.
Gemma Rodríguez Rodríguez, gandeira da Limia: "Para que che veña sanear a túa cabana, poden ser 800 euros, pero canto máis sexamos, pagamos o menos posible, ao mellor 1,5 euros por vaca".
Buscan gandeiros que se unan a eles para constituírense como asociación de defensa sanitaria gandeira.
José Bailón Fernández, gandeiro da Limia: "A vantaxe é que teriamos examinados os animais ao 100 % e o custo na asociación estaría subvencionado ao noventa e pico por cento, así que o aforro é importante".
O domingo teñen unha reunión en Xinzo para darlles a coñecer a proposta aos gandeiros das comarcas afectadas: A Limia, Baixa Limia, Celanova e Monterrei.