Buscan os atracadores que ameazaron unha veciña de Castrelo de Miño cunha pistola
Buscan os atracadores que ameazaron unha veciña de Castrelo de Miño cunha pistola
Os delincuentes entraron na vivenda dunha muller de 94 anos e marcharon con 200 euros que tiña na carteira
Foi o último episodio dunha vaga de roubos en vivendas que leva dándose todo o verán no municipio
A Garda Civil de Ourense ten unha investigación aberta para atopar os atracadores que asaltaron unha veciña de Castrelo de Miño a punta de pistola este pasado domingo. Os delincuentes entraron na vivenda da muller, de 94 anos, ás 13:00 horas e, encapuchados para ocultar a súa identidade, ameazárona cunha pistola para esixirlle diñeiro. Marcharon pouco despois con 200 euros que había no interior dunha carteira.
O suceso ocorreu ao mediodía pero non foi ata entrada a noite cando a Garda Civil foi alertada por unha sobriña da vítima, á que esta informou nese momento porque a nonaxenaria residía soa e pasou gran parte da tarde en estado de nerviosismo, sen comunicarse con ninguén ata que a viu unha veciña.
No concello a alarma é grande entre os veciños, recoñece o alcalde, Avelino Pazos, que a maiores da preocupación di que "se suma a tristeza porque este sempre foi un concello moi tranquilo e moi seguro" e "agora só desexamos que todo isto acabe e que se cace aos que lle están facendo mal á nosa xente e que os poñan entre reixas, porque é onde teñen que estar".
En Castrelo de Miño os furtos en vivendas comezaron "hai dous ou tres meses" segundo as estimacións do rexedor, "forzando algunha porta ou algunha xanela", pero "maiormente de vivendas deshabitadas e na maior parte non levaban nada".
Nalgunha levaron algún obxecto, pero de escaso valor. "Eran situacións nas que o propietario levaba o susto e o enfado ao volver, pero non sufría risco vital. O que pasou este domingo xa ten unha gravidade moito maior", subliña Pazos que enxalza "a serenidade" da veciña que "temeu pola súa vida".
Tanto así que a nonaxenaria abandona o municipio para ir vivir cos seus fillos "porque ten medo de quedar aquí". Unha situación que no concello xa escoitaron de máis bocas porque "o que nos trasladan a maioría dos veciños é exactamente o mesmo, moito medo porque temos poboación moi maior".
"Estamos no verán, nunha comarca de moita calor, e dormen todos coas xanelas completamente pechadas por medo a que entren nas súas casas", exemplifica o alcalde, quen pide que "haxa máis medios para a garda civil" porque "fan o que poden co que teñen, pero non é suficiente.
Moito se fala da defensa do rural pero desmantélanse os cuarteis e baixa a seguridade dos veciños dos pobos, é algo que non podemos permitir", reclama Pazos.
Vaga de roubos
No concello varias parroquias distintas e en días diferentes sufriron roubos. En Cortiñas chegaron a entrar á igrexa forzando a fechadura, pero sen levar nada do interior.
Tamén entraron en Santo Estevo, Noallo e Barral. A onda de roubos, pero especialmente o último suceso, obrigou a colgar un bando municipal no que alertan dos roubos nas aldeas e no que informan de que desde o concello "traballan en coordinación coa garda civil para poñer fin a esta situación".
"Fronte os desagradables episodios de roubos en vivendas, e a persoas en varios pobos do noso concello, pedimos aos veciños que extremen as medidas de seguridade e avisen á Garda Civil ante calquera sospeita ou circunstancia estraña", esgrimen no comunicado público.
As autoridades municipais non saben se se trata dunha banda organizada ou de diferentes ladróns, pero confían no traballo da garda civil para "resolvelo canto antes para que haxa unha tranquilidade nos veciños que agora mesmo xa non hai".
É o segundo concello da comarca do Ribeiro que este verán sofre unha onda de roubos, xa o mes pasado asaltaron varias casas do concello de Avión, e na comarca do Carballiño foi vítima de roubos o concello de Beariz. Esta investigación tamén continúa aberta por parte da Garda Civil.