Publicador de contidos
Publicador de contidos

Buscan probas na nave de Vilaxóan que vinculen a Vidal Padín co narcosubmarino Poseidón

Buscan probas na nave de Vilaxóan que vinculen a Vidal Padín co narcosubmarino Poseidón

A operación deixa seis detidos, polo momento, que permanecen en dependencias policiais e non se agarda que pasen a disposición xudicial nas próximas horas

Os investigadores comisaron tres planadoras, cando menos unha en fase de construción

Deteñen a Vidal Padín, o Burro, en relación ao Poseidón e ás planadoras de Ribeira

G24.gal 10/04/2024 10:44 Última actualización 10/04/2024 14:00

Axentes da Garda Civil, Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira volven rexistrar este mércores, e desde primeira hora da mañá, as instalacións da empresa náutica de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, na busca das probas que relacionen aos cinco detidos nas últimas horas co narcosubmarino Poseidón e coas planadoras atopadas en praias de Ribeira hai un ano.

A diferenza do que ocorrera na xornada do martes, os traballos dos investigadores son este mércores moito máis discretos e a despregadura policial é moito menos visible desde o exterior das instalacións.

As dilixencias hoxe están a centrarse no interior da nave que estaba preparada para construír e almacenar planadoras. De feito, un camión con guindastre accedeu ás instalacións, como xa ocorrera na véspera para poder retirar do interior algunha desas embarcacións.

Polo momento comisaron tres planadoras, cando menos unha delas en fase de construción.

Este mércores non está presente durante o rexistro ningún dos seis detidos nesta operación. Onte si estivo no lugar Juan Manuel Vidal Padín, o Burro, propietario da nave, mentres os axentes buscaban nas instalacións esas probas que permitan o seu procesamento.

Vidal Padín é un vello coñecido das forzas de seguridade, e del sospeitan que ten unha longa traxectoria, de máis de dúas décadas, vinculada ao narcotráfico. Non obstante, en todo este tempo nunca foi condenado por estas actividades.

Os detidos están nestes momentos en dependencias xudiciais e que non se agarda que pasen a disposición xudicial durante esta xornada. As operacións están dirixidas desde o xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía.

Esta actuación está vinculada á investigación pola aparición dun narcosubmarino en augas da ría de Arousa, en marzo do ano pasado. O batiscafo, bautizado como Poseidón, foi localizado fronte ás costas de Vilaxoán e recuperado polas forzas de seguridade.

Unha vez en terra confirmouse que estaba baleiro, aínda que no seu momento os investigadores determinaron que tiña capacidade para transportar uns 5.000 quilos de cocaína.

Así mesmo, as forzas policiais tamén relacionan esta investigación coa aparición, tamén fai algo máis dun ano, de dúas planadoras varadas nas costas de Ribeira.

Aínda a semana pasada, axentes da Policía Nacional realizaban outro operativo para a desarticulación dunha rede encargada da construción e transporte deste tipo de embarcacións, cunha decena de persoas implicadas (entre detidos e investigados), entre elas varias persoas vinculadas con José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade