Caballero pídelle a Formoso que cumpra a promesa de "integración"
Caballero pídelle a Formoso que cumpra a promesa de "integración"
“Hai 3.000 militantes do PSdeG que votaron unha opción distinta á do gañador", recordoulle ao vencedor das primarias
Gonzalo Caballero, secretario xeral saínte do PSdeG, reclamoulle este luns ao novo líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, que pase "das palabras aos feitos" e cumpra a súa promesa de "integración".
"Hai 3.000 militantes do PSdeG que votaron unha opción distinta a do gañador, pero todos queremos traballar lealmente para fortalecer o noso partido", dixo Caballero. "Correspóndelle ao novo secretario xeral rachar calquera risco de división, para afrontar un proxecto que nos fortaleza a todos e a todas", conluíu.
"As palabras lévaas o vento e necesitamos fortalecer o socialismo e para iso todos temos que sumar", sinalou en conferencia de prensa Caballero que asegurou que el estará "disposto" para colaborar no posto que a nova dirección elixa.
"Ou o decidiu el ou alguén decidiu por el"
Gonzalo Caballero referiuse á substitución da comisión organizadora XIV congreso do PSdeG e dixo que non ocorreu tal e como acordaran o líder electo e o líder saínte.
Segundo Caballero, nunha reunión mantida no Parlamento entre ambos, González Formoso díxolle que "quería descansar" e que nuns días o chamaría para conformar unha comisión organizadora "paritaria", pero, con todo, cambiouse o "relato" e pediuse o cambio de forma unilateral.
"Dous días despois ou o decidiu el ou alguén decidiu por el", sentenciou Caballero.
En todo caso, Caballero cre que aínda “queda tempo” para a celebración do congreso do PSdeG polo que espera que se cumpra o compromiso de “integración” que marcou o discurso de Formoso durante a campaña electoral interna.