Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cada vez máis persoas encargan os menús de Nadal para aproveitar máis o tempo

Cada vez máis persoas encargan os menús de Nadal para aproveitar máis o tempo

Comprar a comida feita permítelles a moitos gozar máis das festas

G24.gal 19/12/2023 21:21 Última actualización 19/12/2023 22:35

´Cinco días antes da primeira cea das festas, uns andan a correr para comprar os ingredientes dos pratos que van cociñar e outros, non teñen apuro ningún. A resposta está nos menús de Nadal por encargo, un costume en alza, algo que sabe pola súa experiencia de anos Cristina Rivas, da tenda 'gourmet' Almirez en Santiago.

"Cada ano estanse facendo máis pedidos, a xente anímase a probar cociña preparada. Pedidos grandes en que se xunta a familia, moita parella e canto á idade hai un pouco de todo. Polo xeral a xente confecciona un menú completo".

A tradición e o produto galego mandan e hai pratos estrela que nunca van faltar nun menú destas festas. Iso están constatando Isabel Caamaño e Douglas Izaguirre no seu primeiro Nadal á fronte de Cocina de Abastos Local Food, na praza de abastos compostelá.

"Menús pequenos pero moi tradicionais: nunca falta o marisco".

"Por tradición, o bacallau aquí é o rei, e o leite fritido".

Cristina Rivas tamén ten pratos estrela na súa tenda.

"Os canapés e os minisandwiches son os que máis se venden. O salpicón é o prato estrela e logo saen moi ben os peixes. Pratos sinxelos nos que predomine a materia prima, con poucos prebes".

O porque do seu crecente éxito está claro para os responsables de ámbolos negocios.

"Quítanse o tempo de perder coa familia, o tempo da cociña e os cheiros que quedan nas cociñas".

"É tempo que ganas para estar cos teus e que non estean cociñando sempre os mesmos".

Por iso cada vez máis se animan a instaurar este novo costume entre as tradicións do Nadal. Seica unha vez ao ano, pagar por non cociñar, non fai dano.

Este mércores día 20 é o derradeiro día en que se pode reservar en moitos dos negocios de comidas para levar os menús de Nadal. As datas alónganse para os de Anovello e Aninovo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos