Máis voces no PSdeG piden a volta de Gómez Besteiro á primeira liña da política
Máis voces no PSdeG piden a volta de Gómez Besteiro á primeira liña da política
O partido agarda que dea un paso á fronte e moitos defenden que se postule para ser candidato nas próximas eleccións autonómicas
Besteiro garda silencio. Afastárase da política ao estar investigado en varias causas xudiciais que finalmente foron arquivadas.
Cada vez son máis voces no PSdeG que claman pola volta de José Ramón Gómez Besteiro á primeira liña da política e se postule as próximas eleccións autonómicas. Os últimos en pronunciarse alcaldes como o de Castroverde ou as alcaldesas da Coruña e Lugo, que o ven como un activo importante para o partido.
Lara Méndez destacaba a "valía e capacidade de José Ramón", aínda que sinalaba que "terá que ser unha decisión persoal que tomará no seu debido momento".
Un dos primeiros en apoiar esa volta foi o actual secretario dos socialistas. Fíxoo hai dous días e mesmo admitía que se apartaría se Besteiro quixese optar á Xunta de Galicia.
"Non abunda en política a lealdade. Se algunha vez José Ramón Gómez Besteiro quere ser candidato á Xunta de Galicia, vai contar con todo o meu apoio, sempre", aseguraba Valentín González Formoso.
Un xiro que as voces críticas do partido cren que debilitaría a formación. "Chama a atención que un ano despois da elección do secretario xeral este anuncie que está disposto a botarse a un lado a hora de definir a candidatura á Xunta. Será a militancia quen elixa ao candidato ou candidata", dixo o parlamentario socialista Gonzalo Caballero.
De momento Gómez Besteiro garda silencio. O que fora líder dos socialistas galegos e presidente da Deputación de Lugo abandonaba a política tras ser investigado en varias causas xudiciais que acabaron arquivadas.