Cae un helicóptero en plena M-40 de Madrid

Os dous ocupantes do helicóptero non presentan lesións de gravidade

O helicóptero viña dunha exhibición que se estaba realizando no IFEMA

O helicóptero caeu na mediana da M-40 (EFE/Francisco Javier López)
G24.gal 01/12/2023 10:52

Ás 10:20 horas desta mañá, un helicóptero caeu nunha aterraxe forzosa no quilómetro 5,500 da estrada de circunvalación M-40 de Madrid. Efectivos da Unidade Aérea da Policía Nacional e especialistas da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (CIAIAC) están investigando o suceso, aínda de causa descoñecida.

O helicóptero, de cor amarela e matrícula F-HPUX, levaba a bordo dúas personas. Un dos ocupantes presenta un traumatismo cranioencefálico leve, o outro ocupante posiblemente ten o fémur fracturado. Ademais, mentres un saíu polo seu propio pé, o outro tivo que ser auxiliado polos bombeiros. Foron evacuados ao hospital.

Un condutor que circulaba pola vía sufriu leves cortes por cristais, debido a que o seu vehículo sufriu o impacto dunha das partes da aeronave no parabrisas e nunha das ventás.

Concretamente, o accidente tivo lugar na mediana da M-40 á altura do Campo das Nacións, próximo a IFEMA, onde estes días se estaba a celebrar a feira de aviación European Rotors.

Ata o lugar desprazáronse varias dotacións de bombeiros do Concello de Madrid e o Samur-Protección Civil. Os bombeiros realizaron un control de riscos e verificaron que non se vertera o combustible. Pola súa parte, a Garda Civil encargouse de garantir a seguridade viaria da zona.

Segundo informa o alcalde de Madrid José Luis Martínez-Almeida, a "pericia" do condutor evitou que se producise unha traxedia maior, xa que conseguiu aterrar o aparato na mediana da M-40, nunha estrada con moito tráfico.

"Era un helicóptero que viña dunha exhibición que estaba facendo no Ifema. O seu destino era Cuatro Vientos. Sen prexuízo de que aínda non coñezamos con exactitude os detalles do que pasou, todo apunta a que a pericia do piloto evitou que houbese unha traxedia moito maior", recalcou o alcalde.

A circulación viuse moi afectada, pois a DXT cortou ao tráfico un carril de cada sentido para que os servizos de emerxencia traballasen e para facilitar a retirada do helicóptero.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade