Cae unha rede criminal dedicada a branquear cartos da trata de persoas
Cae unha rede criminal dedicada a branquear cartos da trata de persoas
A Policía Nacional detivo cinco persoas en Granada, Albacete e Santander
Incautouse de armas e de 130.000 euros en efectivo, ademais de bloquear 31 inmobles
A Policía Nacional desmantelou unha organización criminal que desde hai dez anos branqueaba capitais procedentes da trata de seres humanos. Hai cinco detidos en Granada, Albacete e Santander. Ademais, incautáronse de armas e de 130.000 euros en efectivo.
A primeira fase da operación iniciouse en 2021 polas investigacións realizadas contra a explotación sexual de mulleres en establecementos situados en diversas provincias do país. Daquela, detiveron nove persoas e incautáronse de máis de dez mil euros.
Nesta segunda fase desmantelouse a armazón financeira e empresarial da organización. As forzas de seguridade arrestaron dúas persoas en Granada, outras dúas en Santander e unha quinta en Albacete.
Desta volta, incautáronse de abundante documentación, unha arma de fogo, unha pistola eléctrica, catro defensas extensibles, 249 gramos de haxix, 130.000 euros en efectivo, xoias por valor de máis de 20.000 euros e un vehículo de alta gama.
Tamén se bloquearon 31 inmobles valorados en 20.750.000 euros e 169 contas bancarias cun saldo de 200.000 euros.
Armazón empresarial
A organización introducía no circuíto legal os beneficios obtidos desa actividade ilícita a través dunha complexa armazón empresarial. Os arrestados estaban asesorados por un xestor de confianza, establecido en Santander, que administraba os fondos.
Tamén se descubriu que recomendaba aos membros da rede xustificar ingresos mediante contratos privados de préstamos e recoñecementos de débeda falsos.