OPINIÓN

Caída da inflación e do PIB da eurozona en outubro de 2023, por María Loureiro

G24.gal 01/11/2023 08:27

Sorprendente caída da inflación na eurozona en outubro. Segundo Eurostat, a oficina estatística comunitaria, o Índice de Prezos de Consumo situouse no 2,9 % no décimo mes deste ano para os países da eurozona, unha redución de 1,4 puntos porcentuais respecto ao 4,3 % rexistrado en setembro. En taxa intermensual, o IPC avanza un 0,1 %. Este bo dato non se rexistraba na eurozona dende xullo do 2021.

Esta estimación preliminar de Eurostat que foi publicada onte reflicte en especial unha moderación dalgúns dos principais compoñentes da taxa inflación. Entre eles, a oficina estatística destaca a caída da inflación dos alimentos, o alcol e o tabaco ata o 7,5 % desde o 8,8 % anterior, así como dos servizos (4,6 % fronte ao 4,7 % de setembro) ou dos bens non industriais non enerxéticos (3,5 % fronte ao 4,1 % anterior). Pero de forma moi especial, o Eurostat indicou que os prezos da enerxía caeron nun 11,1 % respecto o mesmo mes do ano pasado. Cabe lembrar que os prezos da enerxía o ano pasado pecharon setembro de 2022 cunha repunta inaudita do 41,5 %, impulsados polas tensións resultantes da guerra entre Rusia e Ucraína.

Por outra banda, o indicador da inflación subxacente, que exclúe o efecto dos prezos da enerxía, alimentos frescos, alcohol e tabaco por ser os máis volátiles, sitúase nun 4,2 %, tres décimas menos que en setembro, pero aínda un pouco lonxe da inflación obxectivo do 2,5 %.

Todo este bo avance no control dos prezos fainos pensar que as medidas restritivas do Banco Central Europeo (BCE) co consecuente aumento da taxa de xuro ata o 4,5 % está dando por fin os primeiros froitos. Tamén, os datos do produto interior bruto (PIB) apoian a decisión do mesmo organismo para non seguir aumentando as taxas de xuro por encima deste limiar, pois a economía da eurozona parece frearse.

A todo isto súmase o panorama internacional de alta incerteza fai que o PIB da eurozona se contraera nun 0,1 %, durante o terceiro trimestre deste ano, na que supón a súa primeira contracción desde que se decretaron os confinamentos e as restricións á actividade económica durante a pandemia da covid. Debemos lembrar que a economía dos países que comparten o euro pasou de crecer ao 0,2 % entre abril e xuño a retroceder unha décima neste último mes.

Dentro dos países da eurozona, España foi a economía que máis medrou entre as grandes do bloque cunha expansión do 0,3 %, aínda que mostra signos de desaceleración, xa que no trimestre precedente avanzou o 0,4 %, e entre xaneiro e marzo o 0,6 %. Preocupante, con todo, é o avance do PIB de Alemaña, que é a única das grandes economías que retrocedeu un -0,1 %, tras comezar o ano estancada e só cunha pequena repunta do 0,1 % entre abril e xuño. Outras economías da nosa contorna, como a francesa, avanzaron nun 0,1 %, mentres que a italiana estancouse nun crecemento do 0 %.

E que se espera que aconteza nos vindeiros meses? Todos estes datos poderían acercarnos un pouco máis á recesión económica da eurozona, pero todo dependerá da capacidade da demanda interior para seguir xerando emprego e aguantando os niveis de produción mentres que a panorámica internacional sega a ser complexa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade