Publicador de contidos
Publicador de contidos

Calviño: "A AESIA da Coruña vai poñer a Galicia no mapa"

Calviño: "A AESIA da Coruña vai poñer a Galicia no mapa"

"A Axencia de Intelixencia Artificial sitúa a España como o primeiro país da UE que garante unha dixitalización humanista", dixo a vicepresidenta primeira do Goberno no 'Bos Días'

Sobre as medidas para paliar a inflación, Calviño dixo: "Estamos facendo unha análise para de aquí a final de ano ver cales se estenden e cales hai que limitar"

"Non vou comentar porque aínda non coñecemos o detalle de calquera emenda e polo tanto non vou especular" manifestou en canto á reforma do Código Penal

G24.gal 09/12/2022 08:30

A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital Nadia Calviño está este venres en Galicia e foi entrevistada no informativo Bos días da Televisión de Galicia.

Calviño amosou a súa alegría porque A Coruña acollerá a sede da AESIA, a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, un organismo, pioneiro en toda Europa que situará a nosa comunidade autónoma como punto de referencia tecnolóxico español, europeo e internacional.

"Vai poñer a Galicia no mapa, vai reforzar todo o ecosistema que xa existe coas universidades galegas, coa Cidade das Tic, todas as empresas importantes que xa están presentes nese ámbito de futuro. Así que é un día moi feliz para min", dixo Nadia Calviño.

A AESIA é a primeira axencia destas características que se pon en marcha en Europa. Calviño destacou: "España vai ser o primeiro país que teña unha axencia para supervisar os algoritmos, os elementos que fan que pense a intelixencia artificial, e é un tema importantísimo porque temos que asegurarnos de que as máquinas pensan dunha maneira que protexa os nosos dereitos, que elimine nesgos ou discriminacións".

Balance deste 2022

Nadia Calviño fixo balance deste 2022 e destacou: "Xa se transferiron máis de 20.000 millóns de euros ás comunidades autónomas e a Xunta de Galicia ten 1.200 millóns de euros para investimentos". A vicepresidenta primeira subliñou que hai proxectos moi importantes xa anunciados, como os de Stellantis en Vigo, os investimentos de Mersk para o futuro dos combustibles para a navegación marítima ou os proxectos de hidróxeno verde.

España ten asignados un total duns 160.000 millóns de euros para investimentos públicos ata 2026 entre transferencias e préstamos relacionados cos fondos europeos  Next Generation. Sobre se vai haber un repartimento igualitario deses fondos, Calviño afirmou: "As polémicas non teñen fundamento porque xa se fixo esa transferencia e agora son as comunidades autónomas as que teñen a responsabilidade de facer as convocatorias". 

A vicepresidenta primeira do Goberno subliñou: "Non vai haber un recanto de Galicia que non se vexa beneficiado polo reparto dos fondos europeos".

"A Unión Europea respondeu á pandemia con solidariedade e determinación e iso está a darnos unha oportunidade única de facer investimentos de futuro que nos permitan que a economía siga crecendo con forza e creando emprego", afirmou Calviño.

Pese ao contexto internacional deste 2022, Calviño afirmou: "A economía española sigue crecendo con forza, creando emprego, e esperamos rematar o ano con ese signo positivo".

Medidas para paliar a inflación

Sobre as medidas aprobadas de maneira excepcional e se se van manter no 2023 para paliar a inflación, Calviño dixo: "Estamos traballando igual ca o resto dos países europeos, todos estamos co mesmo reto: como manter a inflación, como ter un reparto xusto do impacto da guerra cun uso eficiente dos recursos públicos".

Segundo a  ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, España está a mobilizar máis  30.000 millóns de euros de recursos públicos.

"Estamos facendo unha análise para de aquí a final de ano ver cales se estenden e cales hai que limitar (aos sectores máis afectados, como poden ser os pescadores, gandeiros ou transportistas no caso da bonificación de carburantes) e logo ver que outras medidas adicionais temos que tomar para conter os prezos no ámbito da alimentación, porque é o que máis afecta directamente ás familias españolas", destacou Calviño. 

A vicepresidenta primeira dixo: "A inflación estase contendo, baixou catro puntos nos últimos catro meses e xa estamos por debaixo da media da Unión Europea. Respecto á suba do prezo dos alimentos, enriba da mesa hai varias propostas, como unha rebaixa impositiva ou unha aceptación cara ás distribuidoras.

Calviño manifestou: "Levamos tempo traballando nos distintos ámbitos, respondendo con determinación aos distintos retos, pero o máis importante é que haxa traballo, melloren os soldos e que a renda das familias estea ben".

Emendas para a reforma do Código Penal

Este venres remata o prazo para presentar emendas para a reforma do Código Penal, que incluirían a malversación, algo que afectaría os líderes de procés. Calviño manifestou: "Non vou comentar porque aínda non coñecemos o detalle de calquera emenda e polo tanto non vou especular". 

"Somos un goberno moi comprometido coa loita contra a corrupción e polo tanto non hai que dar ningún paso atrás fronte a aquelas condutas que supoñan un enriquecemento persoal nun cargo público", destacou Calviño.

Sobre se preocupa dentro do PSOE que aumente o número de voces que publicamente amosan a súa desconformidade sobre a decisión do Goberno, Calviño dixo que non é membro do partido e que non pode comentar sobre ese tipo de situacións. Cre que é o momento de estar todos unidos e neste 2022 estase mellor que no 2017, en que había moita tensión en Cataluña.

Co cambio no delito de malversación, Oriol Junqueras podería presentarse ás citas electorais de saír finalmente eses catro anos que proporía Esquerra, Calviño dixo que non quere especular e que a liña do Goberno é moi clara.

En canto ás tensións que existen na coalición de goberno, feitas públicas coa tramitación da lei trans ou da lei do só si é si, Calviño manifestou: "Sempre hai especulación, e o importante é ver cal é a acción do goberno, que actúa con moita claridade no ámbito da loita contra a violencia de xénero".

Dixo que teñen que asegurarse de que non haxa ningún tipo de dúbida coa interpretación da lei do só si é si.

Renovación do Tribunal Constitucional

Para rematar, preguntóuselle á vicepresidenta primeira pola renovación do Tribunal Constitucional, que se vai abordar este venres á tarde e que levaría tamén ese desatasco do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Calviño dixo: "Temos que saír desta situación, porque o bloqueo do Partido Popular é absolutamente inxustificado, está facendo moito dano ás institucións". 

"Non pode ser que non se renove o CXPX, que non se complete o Tribunal Constitucional, son institucións fundamentais e teñen que irse renovando para adaptarse á situación política porque teñen un papel moi importante. É fundamental que teñamos un tribunal que estea completo e con todos os seus membros nomeados, que represente a situación do país. Hai que superar este bloqueo, que fai moito dano ás nosas institucións e á nosa democracia", remarcou Calviño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar