Calviño, a Repsol: "Sorprendería que fose en dirección distinta aos investidores internacionais"

A vicepresidenta primeira en funcións defende a prórroga do imposto á banca e ás enerxéticas

A número dous do Goberno asegura que a redución da xornada laboral será negociada cos axentes sociais e non terá carácter xeral

G24.gal 27/10/2023 14:58

As medidas recollidas no acordo de Goberno entre o PSOE e Sumar levantaron críticas do empresariado; por exemplo, a redución da xornada laboral a 37 horas e media á semana.

Os socialistas queren tranquilizar a CEOE. Din que a medida será negociada con sindicatos e patronal e non se aprobará por decreto. Para Nadia Calviño, vicepresidenta primeira en funcións, "non ten ningún sentido facer unha medida que teña carácter xeral sen ter en conta a situación dos distintos sectores e das distintas empresas".

Onde non recúa a coalición é na prórroga do imposto á banca e ás enerxéticas. Para Calviño, é necesario e non entende a ameaza de Repsol de retirar investimentos de España se se mantén. Segundo a ministra de Economía en función, "cada vez son máis os países que están poñendo este tipo de impostos, e, polo tanto, a tendencia está clara". Tamén apunta que "os investidores internacionais están apostando por España (...) e sorprenderíame que os propios españois sexan os que vaian nunha dirección distinta". 

O líder do PP amósase preocupado por este asunto. Para Alberto Núñez Feijóo "Repsol está mandando a mensaxe de que unha cousa é un imposto excepcional durante un ano e outra cousa é que ese imposto excepcional se converta nun imposto ordinario". Para o presidente dos populares, "nunca as empresas españolas pagaron tantos impostos".

Máis alá do empresariado, os partidos cataláns son, neste momento, o principal atranco no camiño á investidura de Pedro Sánchez. Dende ERC, Pere Aragonès advírtelle ao PSOE que as negociacións están encalladas e que os prazos se esgotan.

Tamén o líder de Junts, Carles Puigdemont, mete presión dende as redes sociais, recordando que hai xusto seis anos o Parlamento catalán aprobaba a declaración unilateral de independencia. "Nin renunciamos nin renunciaremos a ela, e mantémola viva", escribiu en Internet.

Aínda así, o PSOE semella optimista, a pesar de que o reloxo non para. O candidato ten xusto un mes, ata o 27 de novembro, para lograr a súa investidura. Se non o consegue, repetiranse as eleccións en xaneiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade