Calviño quere un Goberno "canto antes" e Junts aspira ao 'brexit catalán'
Calviño quere un Goberno "canto antes" e Junts aspira ao 'brexit catalán'
Nadia Calviño amósase disposta a seguir liderando a política económica do Goberno malia a súa candidatura a presidir o BEI
Desde Junts retan a Sánchez a negociar un 'brexit catalán' se aspira á investidura e din que debe cambiar o marco mental
Comparecencia de Nadia Calviño que deixa varios titulares. Confía en que se materialice un executivo progresista canto antes e admite que se están mantendo contactos discretos coas forzas polítcas afíns. Sobre a candidatura a presidir o Banco Europeo de Investimentos di que o seu nome era o único posible e que o cargo será compatible coa continuidade no Goberno se Sánchez segue na Moncloa:
"Soamente unha candidatura co meu nome tiña as máximas opcións, daríanos ao noso país as máximas opcións de éxito. O presidente Sánchez expresou claramente a súa confianza e eu o meu compromiso con el para seguir liderando, dirixindo e coordinando a política económica do Goberno".
Desde Junts falou o deputado Antoni Castellà, que ten liña directa con Puigdemont porque é o voceiro oficial do seu Consello da República. Castellà di que Sánchez ten por diante a negociación máis importante desde a transición e que pasa inevitablemente pola independencia de Cataluña:
"A gran discusión de fondo é: vostede está disposto a negociar, digámolo así, o 'brexit catalán'? Nós si, pero debe situarse neste marco mental. Calquera outra non é aceptable".
Castellà engadiu que a Constitución é "o corsé que se impón o PSOE" e que debe cambiar de referentes.