Camariñas celebra unha nova edición da súa Mostra do Encaixe na Semana Santa
Camariñas celebra unha nova edición da súa Mostra do Encaixe na Semana Santa
A Mostra do Encaixe de Camariñas chega á súa 31ª edición
Preto de 50 expositores locais e de 8 países europeos participan coas súas creacións
A mostra do encaixe de Camariñas volve á normalidade. Recupera as súas datas habituais na Semana Santa e tamén a participación de expositores internacionais. Preto de 50 artesáns presentan aquí as súas pezas. O encaixe de Camariñas comparte protagonismo coas creacións de artesáns chegados de países como Suíza, Estonia, Eslovaquia ou Polonia.
"Volvemos recuperar as delegacións internacionais, así como un espazo dedicado á voda con encaixe, onde calquera parella que queira casar pode atopar de todo, de todo menos o restaurante", explica Dolores Lema, directora da Mostra do Encaixe de Camariñas
Palilleiras locais e procedentes de toda Galicia exhiben aquí o seu traballo. Despois de 31 anos, a Mostra contribuíu a que o encaixe teña hoxe a remuda xeracional garantida.
"Ten moito reclamo, imos por todo o mundo e a xente anímase cada vez máis", explica Dora García, presidenta da Asociación de Palilleiras Rendas.
"Temos 50 nenos e nenas das escolas que lle amosan ao público todo o que están aprendendo durante o curso escolar", asegura a directora da Mostra do Encaixe.
Na mostra participan coas súas creacións dez recoñecidas firmas de moda, que presentan na pasarela os seus deseños co encaixe.
"Temos grandes deseñadores, como Dolores Cortés, ou José Mateos, Devota&Lomba ou Esteban Freiría, que é un espectáculo velo", comenta Damián Álvarez, coordinador da pasarela da Mostra
Xunto á pasarela profesional, celébrase o concurso de deseñadores noveis, no que participan 25 novos deseñadores que reinterpretan o encaixe nas súas creacións. A mostra continúa hoxe e mañá durante todo o día.