Publicador de contidos
Publicador de contidos

Camiñar polo paseo marítimo da Coruña a ritmo de música electrónica

Camiñar polo paseo marítimo da Coruña a ritmo de música electrónica

Andrés Soria explica como xurdiron os temas do seu novo álbum, Senda

G24.gal 13/08/2024 20:58

Non podía ser doutro xeito. Atopamos o músico Andrés Soria polo paseo marítimo da Coruña. Foi así camiñando por aquí, a modo de terapia persoal, como naceron os temas do seu primeiro álbum, Senda.

El mesmo explica o proceso de creación: "Ían aparecendo melodías que viñan á miña cabeza, eu sacaba o móbil rápido, cantábaas e logo tocábaas co piano ou facíaas no ordenador e, pouco a pouco, foi así como saíu o álbum". 

Cada unha das pezas musicais agocha unha experiencia persoal. "Na terceira canción, que é Durmir con tiburóns, o que tratei foi rescatar un pouco esa sensación de alucine e tamén de intimidación que eu sentía cando ía ao Aquarium de pequeno e vía aos tiburóns nadando amodo facendo círculos".  

Música conceptual do que el mesmo denomina música electrónica para camiñar e que agora quere compartir cos demais seguindo os códigos QR que el mesmo colocou nos puntos que inspiraron cada tema.

"Cando eu camiñaba vía moitos regulares, xente que está todas as mañás paseando chova, quente o sol ou faga o tempo que sexa. Gústame pensar que eu podo darlles ese agasallo de enriquecer ese paseo cotián a través da miña música", explica.

Unha banda sonora para os paseos a carón do mar pola cidade da Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade