Buscan cartos para restaurar unha igrexa de Abegondo danada por un lóstrego
Buscan cartos para restaurar unha igrexa de Abegondo danada por un lóstrego
Segue no mesmo estado que hai nove meses, cando o 14 de xullo un lóstrego impactou no campanario causando serios estragos dentro e fóra
A igrexa de San Martiño de Orto segue no mesmo estado que hai nove meses cando o 14 de xullo un lóstrego impactou no campanario causando serios estragos dentro e fóra. Xesús, un veciño que é enxeñeiro industrial colaborou na avaliación dos danos e explica que os máis importantes afectaron á cantería do campanario, a cuberta, o coro, a instalación eléctrica e á megafonía.
Os trámites burocráticos son os que demoran o proceso, pero desde xullo veciños e diácono traballan tamén na captación de fondos para poder sufragar o custo da restauración: 150.000 euros. Conseguiron xa uns 100.000 e están organizando unha campaña de recadación para completar os 50.000 que faltan.
Mentres tanto ofician na capela de Santa Margarida, excepto os funerais que, por capacidade, teñen que celebralos na veciña parroquia de Crendes.