Publicador de contidos
Publicador de contidos

Residencias, centros de saúde, grandes recintos e hospitais usaranse na vacinación da gripe e da covid

Residencias, centros de saúde, grandes recintos e hospitais usaranse na vacinación da gripe e da covid

A campaña comezará o 25 de setembro, en centros de maiores e discapacitados, e finalizará o 31 de decembro. O 16 de outubro seguirán con persoas de 80 anos ou máis

A Xunta quere converter esta inmunización conxunta nunha campaña estacional como tradicionalmente era a da gripe

O 25 de setembro tamén se empeza a vacinar por primeira vez, e con carácter xeral, bebés contra o VRS

G24.gal 15/09/2023 10:46 Última actualización 15/09/2023 12:42

A campaña de vacinación conxunta da gripe e a covid iniciarase o próximo 25 de setembro e finalizará o 31 de decembro. Comezará coa inmunización de residentes en centros de maiores e de discapacidade para continuar co resto dos grupos diana. Ese mesmo 25 de setembro tamén dará inicio a campaña para a vacinación de bebés contra o virus respiratorio sincitial (VRS).

A vacinación, que as autoridades queren converter nunha campaña estacional, realizarase en centros de saúde, grandes recintos e nos hospitais, e tamén vaise facer nos domicilios das persoas que non se poden desprazar.

Para as citacións "usaremos todo o potencial da tecnoloxía", aseguraba o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e enviaranse recordatorios vía SMS e tamén se abrirá o proceso de autocita.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, dixo durante a presentación da campaña, cuxo lema é 'Remángate'. que manteñen os obxectivos do ano anterior, coa intención de superar o 75 % de persoas inmunizadas con 65 ou máis anos e que nos nenos e nas embarazadas se supere o 60 %. 

Obxectivo da vacinación, grupos diana

As persoas de 60 ou máis anos son as que se sitúan como foco desa poboación diana desta campaña. En Galicia xa se viña facendo así, pero en España é a primeira vez que o limiar se rebaixa ata os 60 anos. 

Ademais tamén son obxectivo da vacinación conxunta da gripe e covid as persoas de grupos de risco, o persoal sanitario, os traballadores de residencias de maiores e centros de discapacidade, membros das forzas de seguridade, e outros tipos de sanitarios como os empregados de oficinas de farmacia.

Amais tamén son poboación diana para a vacinación só da gripe as persoas fumadoras e os nenos dende os 6 ata os 59 meses.

Sobre como se vai realizar, as autoridades sanitarias destacan que se fará "un esforzo para que  ningún galego, ningunha galega, quede sen vacinar", aseguraba a directora xeral de Saúde Pública. Así, procederase en función das circunstancias dos pacientes.

Calendario e lugares de vacinación

Os usuarios de residencias de maiores e de discapacidade serán vacinados nos propios centros. Con eles empezarase o 25 de setembro, e serán unhas 30.000 persoas.

A segunda data marcada nesta campaña será a do 16 de outubro, cando logo da vacinación en residencias será a quenda das persoas de 80 anos ou máis. Está programando que en dúas semanas se lle poida dispensar ás aproximadamente 215.000 persoas que calcula a consellería que están nesta faixa de idade. Todos eles serán vacinados, sempre que sexa posible, nos centros de saúde.

As persoas de 60 a 79 anos vacinaranse nos grandes recintos, incluso con dispensación da vacina desde o vehículo. Os hospitais resérvanse para a vacinación de pacientes de risco, e os pacientes inmobilizados serán inmunizados nos seus domicilios, como xa se vén realizando tradicionalmente.

Con todo, aseguran que se trata dun calendario provisional, pendente da entrega das vacinas da covid por parte do Ministerio de Sanidade.

Primeira campaña de vacinación contra o VRS

O 25 de setembro tamén dará comezo a vacinación contra o virus respiratorio sincitial (VRS), causante da bronquiolite en bebés. 

Galicia será o primeiro territorio no mundo que inclúe esta vacina no seu calendario. A campaña prolongarase ata o 31 de marzo. Neste caso o lema co que se publicitará será 'Respira tranquilo'.

Son obxectivo desta inmunización todos os nenos sen factores de risco que nazan desde o 25 de setembro, e farase nos hospitais nas primeiras 24/48 horas de vida.

Ademais tamén serán convocados para poñer esta vacina os que a 30 de setembro teñan seis meses ou menos e todos os prematuros que naceran desde o 1 de outubro de 2022 e nenos de alto risco de menos de dous anos.

Farase cunha dose con carácter xeral, agás naqueles pequenos con factores de risco que poñerán dúas.

Durante a presentación destas campañas o conselleiro de Sanidade quixo trasladar tranquilidade sobre a evolución da covid. Explicou que neses momentos hai 14 pacientes ingresados en UCI e outros 300 en planta con covid ou por covid, que cualificou como "números asumibles". 

"É unha situación estable que temos sorte de poder monitorizar", destacou Comesaña, que volveu sinalar a "importancia do uso da máscara". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade