Publicador de contidos
Publicador de contidos

Campo Lameiro xa é Capital do Turismo Rural 2023

Campo Lameiro xa é Capital do Turismo Rural 2023

Case un 17 por cento dos votantes do portal Escapada Rural elixiron Campo Lameiro como capital deste ano

É o primeiro concello galego que consegue esta distinción, que xa tiveron outros como Cazorla, Potes ou Santillana del Mar

G24.gal 28/04/2023 14:45

Dez finalistas competían por ser Capital do Turismo Rural en España este ano, e gañou Campo Lameiro. Veciños e institucións levaban semanas entregados á campaña para promover as votacións, na que foi a sétima edición do certame organizado polo portal especializado Escapada Rural. 

A semente de todo ese movemento púxoa a teima de Elena Souto, que rexenta unha casa de turismo rural na vila. "Desde que souben que Escapada Rural facía isto de darlle visibilidade aos concellos pequenos, apunteime", conta. "Penso que é a terceira vez que nos anotamos", di, e desta volta "cunha gran satisfacción".

Recibiu a noticia do premio con moita emoción. Conta que aínda que sabía que eran dignos concursantes, "unha cousa é pensalo e outra que che digan que realmente somos Capital do Turismo Rural".

O portal Escapada Rural describe Campo Lameiro como unha terra case máxica, cunha enorme riqueza natural bañada polo Lérez. Destaca tamén que posúe vestixios castrexos dos máis antigos de Galicia, importantes mostras do románico e, por suposto, un extraordinario patrimonio arqueolóxico. Porque, ademais da capital do turismo rural, Campo Lameiro é capital da arte rupestre.

 "É o sitio de Europa en que maior concentración de petróglifos hai, e tamén onde maior variedade de motivos", explica Teresa Portos, guía do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro. Espera que este recoñecemento sirva para facer "máis esforzo" en conservar e divulgar este tipo de arte. 

Cren que a capitalidade vai ser un revulsivo para atraer visitantes ao concello. De feito, xa notan o efecto destas semanas de campaña para promover as votacións. "Notamos que está empezando a subir, sobre todo xente da zona", di Teresa. "Antes viña basicamente público escolar e agora están achegándose adultos e familias", explica. 

"Con todo o que se moveu de prensa, de radio, televisión e redes sociais -di Elena Souto- dígoche que Campo Lameiro xa lle soa a máis xente da que nos soaba". 

Calculan que a campaña chegou a millón e medio de persoas. Nas votacións participaron máis de cen mil, e case un 17 por cento quixeron que Campo Lameiro sexa este ano Capital Española do Turismo Rural. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade