Cancelados dez voos e interrompidas tres liñas ferroviarias en Galicia
Cancelados dez voos e interrompidas tres liñas ferroviarias en Galicia
Renfe transporta en autobús os viaxeiros afectados
Desde a entrada da borrasca Ciarán, as conexións ferroviarias de medida distancia entre Ourense e Vigo quedaron suspendidas. A última hora deste xoves aínda chegaban usuarios da liña despistados a coller o tren.
"Viña con idea de coller un tren, nin sequera sabía se habería autobús", di unha usuaria. "Sóubeno pola televisión e vou coller o autobús a Vigo en vez de ir no tren", conta outra na estación de Ourense.
A viaxe alternativa en autobús supuxo un trastorno para moitos viaxeiros que viron alongada a duración do traxecto.
"Moito cansazo, porque veño desde o Barco de Valdeorras e ata Vigo levoume cinco horas", conta un viaxeiro afectado.
Por precaución tamén foron trasladados por estrada os viaxeiros dos trens rexionais Santiago-Ourense da tarde do xoves. E segue suprimido o servizo da liña de ancho métrico Ferrol-Oviedo.
Pero a borrasca tamén causou moitos trastornos no transporte aéreo. O aeroporto de Santiago volveu operar pero nas primeiras horas do día recibía os pasaxeiros de voos desviados do da Coruña por culpa do temporal.
E aínda que a situación se foi normalizando a medida que avanzou a xornada, quedaban moitos pasaxeiros afectados polas cancelacións da xornada anterior.
"Imos noutro voo e pedimos que nos devolvesen os cartos do cancelado", relata unha viaxeira no aeroporto de Santiago.
En Santiago e Peinador tamén se suspenderon voos por problemas meteorolóxicos no aeroporto de destino. E outros viaxeiros ían coller o seu con certa preocupación polo que atoparían.
"Vou a Mallorca, onde hai ventos de 45 nós, estou un pouco preocupada", explica outra viaxeira.
AENA confirmaba a cancelación ou desvío de preto dun cento de voos en España este xoves, dez deles nos aeroportos galegos.