Cantabria segue sendo a comunidade máis afectada pola neve
Cantabria segue sendo a comunidade máis afectada pola neve
A situación mellora lentamente en Asturias e País Vasco
A neve e as xeadas, propiciadas polas baixas temperaturas que sofre a metade norte da península, seguen afectando sobre todo a Cantabria. A Axencia Estatal de Meteoroloxía di que durante as próximas horas haberá nevadas en Cantabria a partir dos 400 metros de altitude.
A Dirección Xeral de Tráfico avisa de que na comunidade cántabra hai dúas estradas e dous portos de montaña coa circulación restrinxida; e outros dous, Estacas de Trueba e Lunada, totalmente pechados.
Asturias recupera a normalidade na maior parte das estradas
A situación mellora lentamente en Asturias, onde só hai que circular con cadeas no porto de Tarna. Tamén mellora en Navarra, onde a neve só ocasiona problemas na estrada de Lizárraga e en dous puntos do Pireneo. No País Vasco, a neve chegou a caer case ao nivel do mar, en puntos como Vitoria, sen ocasionar problemas graves. En Cataluña e Aragón só hai incidencias en zonas do Pireneo.
A Dirección Xeral de Tráfico advirte do perigo das xeadas
Para este luns, a previsión mantén as nevadas na metade norte, e nalgún punto alto de Murcia. No resto, os problemas virán dados polos ventos fortes en zonas do Estreito, as Baleares e as Canarias. As baixas temperaturas manteranse en amplas zonas do país, polo que Tráfico advirte do perigo que supoñen para a condución as xeadas.