Carlos Carvalhal mellora os números de Coudet
Carlos Carvalhal mellora os números de Coudet
O Celta de Carvalhal pasou nun mes de loitar por escapar do descenso a pensar en xogar competición europea
O portugués Carlos Carvalhal estableceu un novo récord á fronte do Celta, ao converterse no adestrador que máis puntos sumou (23) nos primeiros 14 partidos no banco de Balaídos.
O actual técnico do equipo vigués mellorou a puntuación que conseguira o arxentino Eduardo 'Chacho' Coudet entre novembro de 2020 e febreiro de 2021, cando o seu equipo sumou 22 puntos en 14 partidos (1,57 por encontro).
O Celta de Carvalhal pasou en apenas un mes de loitar por escapar da zona de descenso a Segunda División a pensar na súa clasificación para unha competición europea, un reto que ten a tan só sete puntos –dous no caso de que o sétimo tamén fose a Europa-.
E é que no últimos once partidos de Liga tan só o líder Barcelona (30 puntos) e o Atlético de Madrid (24) melloran a puntuación lograda polo Celta, que asinou 21 puntos de 33 posibles, superando o rexistro de Betis (20), Real Sociedade (19) e Real Madrid (18).