Publicador de contidos
Publicador de contidos

Carlos de Inglaterra recibe a visita do príncipe Henrique

Carlos de Inglaterra recibe a visita do príncipe Henrique

O fillo menor do rei viaxou desde os Estados Unidos tras coñecer que padecía cancro

Primeira aparición pública do rei tras o diagnóstico de cancro Primeira aparición pública do rei tras o diagnóstico de cancro
G24.gal 06/02/2024 20:36

Carlos III, apareceu este martes por primeira vez en público tras ser diagnosticado de cancro, poucos minutos despois de manter un breve encontro co seu fillo menor, o príncipe Henrique, que viaxou desde os Estados Unidos para visitalo.

Carlos saudou desde o coche xunto a raíña Camila os curiosos e os reporteiros apostados nas inmediacións do Palacio de Buckingham. Tratouse da primeira ocasión en que o rei puido ser visto despois de que este luns se anunciase que foi diagnosticado cun tipo de cancro non especificado, contra o cal xa comezou o seu tratamento. Desde Buckingham partiu en helicóptero de volta cara á súa mansión campestre de Sandringham, no leste de Inglaterra, onde descansará mentres completa a súa terapia.

Segundo anunciou a casa real, o soberano suspendeu toda a súa axenda pública por tempo indefinido, aínda que seguirá desenvolvendo as súas tarefas de Estado, como as audiencias semanais co primeiro ministro, Rishi Sunak, ou a rúbrica de textos lexislativos.

O príncipe Henrique viaxa desde os Estados Unidos

Na súa estancia en Londres, Carlos III recibiu ao príncipe Henrique, duque de Sussex, para manter unha reunión que os xornais sensacionalistas catalogaron de "excepcionalmente curta".

Henrique puxo rumbo á capital británica ao saber polo seu propio pai da súa enfermidade. Tras un voo de 11 horas desde o seu fogar en California, Henrique chegou á primeira hora da tarde ao aeroporto de Heathrow, para dirixirse nun convoi de vehículos cara a Clarence House, residencia en Londres do soberano.

A xuízo da prensa británica, a súa reunión foi o primeiro cara a cara entre ambos desde o funeral pola raíña Isabel II en setembro de 2022. O duque de Sussex, distanciado da familia real -da que deixou de ser un membro activo en 2020- viaxou a Londres sen a compañía da súa muller, Meghan, nin dos seus dous fillos.

A pesar de que o comunicado difundido este luns por Buckingham non ofreceu demasiados detalles acerca da afección de Carlos, o primeiro ministro, Sunak, desvelou este martes que o cancro foi detectado nunha fase temperá, o que alimenta as esperanzas sobre o seu prognóstico.

"Como todos, estamos impactados e tristes, e os nosos pensamentos están con el e coa súa familia. Afortunadamente, colleuse pronto e agora todos lle desexaremos que siga o tratamento que necesita e teña unha recuperación completa", dixo Sunak na BBC. 

O duque de Sussex viaxou sen a súa muller e os seus fillos O duque de Sussex viaxou sen a súa muller e os seus fillos
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade