Publicador de contidos
Publicador de contidos

Carlos Debasa: "Hai que facerlles atractivo o alugueiro aos propietarios de vivendas baleiras"

Carlos Debasa: "Hai que facerlles atractivo o alugueiro aos propietarios de vivendas baleiras"

O presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias, Carlos Debasa, afirma que a nova lei de vivenda debe apostar máis claramente por achegar ao mercado unha maior oferta de pisos en alugueiro de longa duración e para isto cómpre apostar por darlles aos propietarios de vivendas baleiras máis axudas e seguridade xurídica

Nunha entrevista na Radio Galega, Carlos Devasa lembra que Galicia é a comunidade con máis vivendas baleiras e recoñece que na maioría das cidades e especialmente nas turísticas, como Santiago de Compostela, é practicamente imposible atopar vivendas de calidade en alugueiro a prezos razoables 

G24.gal 21/04/2023 09:32

O presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias, Carlos Debasa, asegura que a nova lei de vivenda debe procurarlle ao propietario o apoio e a seguridade xurídica necesaria para que aumente a oferta de pisos en alugueiro de longa duración.

En relación co borrador da lei da vivenda, Debasa criticou que inclúa medidas como os topes á revalorización dos prezos dos alugueiros que, segundo el, supoñen unha intervención "artificial" no mercado.

"Esa medida por si mesma non vai ter os efectos desexados. Ten que vir acompañada por outras medidas. Porque a mera intervención no mercado con axustes está demostrado que non é a solución. O importante no mercado do alugueiro e especialmente nunha situación tan complicada como o alugueiro de longa duración é a inxección de nova oferta dispoñible".

O presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias cre que o número de pisos da Saber dispoñibles para alugueiro social é moi inferior ao anunciado polo presidente do Goberno e que non van ser dabondo para solucionar o problema de falta de oferta.

"Co transcurso dos días, coas análises e a as proxeccións de entrada pódese dicir que os pisos da Sareb non van ser de lonxe moi suficientes, co cal teremos que ir buscar outras vías. Unha delas é atraer vivenda que ata ese momento estea baleira. Para facer isto hai que convencer o propietario de que non vai ter ningún problema, darlle seguridade xurídica".

Carlos Debasa insiste en que a solución ao problema da vivenda pasa por mobilizar a oferta e convencer os propietarios de que o alugueiro de longa duración é un negocio atractivo.

"Só co aumento da oferta, os prezos regularanse automaticamente, as características e as condicións das vivendas mellorarán porque existirá moita competencia entre os pisos para seren alugados. É só por aí e non incidindo no mercado de forma artificial é como pode vir a solución ao problema do alugueiro de longa duración".

"A Xunta e nós traballamos conxuntamente para desenvolver un plan e achegarlles aos propietarios un seguro. O propietario que tiña unha vivenda baleira e a ofrece en alugueiro de longa duración ten un seguro bonificado que o protexe ante impagos, danos e unha asesoría xurídica por se chega o momento do desafiuzamento".

Debasa advirte de que Galicia é a comunidade con máis vivendas baleiras e que neste momento é case imposible atopar ofertas de alugueiro nas principais cidades galegas, especialmente nas turísticas, a prezos razoables.  

"En Galicia somos líderes neste apartado, pouco bonito, pero somos líderes en vivendas baleiras a nivel estatal".

"En Santiago de Compostela é absolutamente imposible atopar unha vivenda en réxime de alugueiro de longa duración. Os prezos son desorbitados, as calidades baixaron moitísimo e o problema agrávase día a día, malia que o Concello tomou decisións que cremos que son adecuadas para regular as vivendas de uso turístico".

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade