Castellón e Deportivo acordan un empate no intercambio de golpes (2-2)
Yeremay adiantou aos deportivistas nunha gran xogada individual
Pablo Vázquez conseguiu o empate definitivo á saída dun córner
Castellón e Deportivo empataron (2-2) nun partido entretido, con ocasións e alternativas. Dous equipos que xogaron a tumba aberta e que buscaron en todo momento o gol.
O primeiro tempo comezou cunha xenialidade de Yeremay que marchou de cantos rivais lle saíron ao paso para marcar o primeiro gol. O Deportivo tiraba da velocidade das súas estrelas e Mella tivo o segundo no minuto 11 pero salvou o porteiro local.
Empatou o Castellón no 14 nunha acción moi polémica. O colexiado e o VAR obviaron unha posible falta sobre Mella na acción anterior ao gol de Suero. Castellón e Deportivo xogaban ao ataque a tumba aberta. Mabil rematou de cabeza pero Helton estivo providencial para evitar o segundo local. E no último intre da primeira metade Mella obrigou a Gonzalo a intervir con moito acerto.
Nada máis empezar a segunda metade era o equipo local o que marcaba o segundo cun disparo de Jozhua desde a frontal que entrou pegado ao poste. O encontro seguía cun gran ritmo ofensivo e o Deportivo non tardou en atopar o gol do empate nunha cabezada do central Pablo Vázquez.
Tivo o Castellón as mellores ocasións ata o final do partido. Álex Cala con dous remates inquedou a Helton Leite. O Deportivo quedou sen Obrador, mancado, polo que tivo que entrar Petxarromán.