Catorce persoas quedaron feridas ao caer unha árbore nunha atracción en PortAventura
Catorce persoas quedaron feridas ao caer unha árbore nunha atracción en PortAventura
Dúas das persoas permanecen en estado crítico
A atracción sobre a que caeu a árbore pasara a primeira hora da mañá a inspección de seguridade
Descoñécese se entre os feridos se atopan menores de idade
Catorce persoas quedaron feridas, dúas delas en estado crítico, este domingo ao caer unha árbore sobre unha das atraccións do parque PortAventura Wold, situado nos municipios tarraconenses de Vilaseca e Salou.
Segundo informaron os Mossos d'Esquadra e o persoal de PortAventura, a árbore caeu sobre a atracción Tomahawk, á que poden subir menores de idade, e que pasara a primeira hora da mañá a inspección interna de seguridade feita polo propio parque, polo forte vento que está a soprar este domingo na zona.
O Sistema de Emerxencias Médicas (SEM) atendeu catorce persoas, dúas delas permanecen ingresadas en estado crítico nos hospitais Joan XXIII de Tarragona e Bellvitge de Barcelona.
Tamén se atopan ingresadas outras tres persoas en estado menos grave nos hospitais de Santa Tecla, en Tarragona, e de Reus. Descoñécese se entre os feridos se atopan menores de idade.
Ata a zona desprazáronse técnicos para inspeccionar o lugar do accidente, para confirmar se foi o forte vento que afecta a zona o que derrubou a árbore.
Nun comunicado emitido polo parque, explican que "algunhas pólas da árbore impactaron nos clientes" que estaban subidos na atracción, que foron atendidos en primeira instancia polos sanitarios do complexo ata a chegada dos técnicos do SEM.
"Desde PortAventura World estamos a seguir a evolución do seu estado, con total disposición para ofrecer a asistencia necesaria neste momento e total apoio ás familias", sinala a empresa.
O parque indicou que o ocorrido é "un suceso completamente alleo á operativa e mantemento das nosas atraccións, as cales cumpren cos máis altos estándares de seguridade e son sometidas a rigorosas revisións diariamente" e subliñou que ofrece a súa "máxima colaboración" ás autoridades.
Protección Civil, pola súa banda, activou o plan Procicat na zona do parque debido a este accidente.